Un incendio en Sada obriga a desaloxar os veciños
Un incendio en Sada obriga a desaloxar os veciños
O lume produciuse no tubo da caldeira que estaba na planta baixa
Un incendio na caldeira dun edificio de Sada alertou os veciños que estaban nese momento na casa. Foron desaloxados como medida preventiva, pero ningún deles precisou axuda de ningún tipo. O lume apagouse con moita rapidez e en menos de dúas horas a situación estaba controlada.
Sergio Pérez, xefe de garda de Bombeiros de Betanzos, di que "recibiron o aviso ás nove e cuarto da mañá informando de que había, en principio, un incendio que podería estar localizado nunha maquinaria dun ascensor e desprazamos dúas dotacións de bombeiros. No camiño informan de que finalmente o lume é no baixo na caldeira de gasóleo que alimenta a calefacción de todo o edificio".
Engade Sergio Pérez que "comprobaron que o foco do lume estaba no tubo da alimentación do gasóleo e que, cara á cheminea, tiña o illante con malla e se desmontou para arrefriar o tubo da cheminea".
Á espera de determinar as causas exactas do lume, precisa o xefe de Bombeiros de Betanzos, "o importante que é supervisar o mantemento das caldeiras, cómpre limpar as chemineas sobre todo agora que entra a época de frío e póñense a funcionar e é moi importante facer unha previa revisión do tiro".