Renfe recupera este martes o Alvia directo entre Lugo e Madrid sen transbordos por estrada
Renfe recupera este martes o Alvia directo entre Lugo e Madrid sen transbordos por estrada
Durante dous anos, os viaxeiros tiñan que ir en autobús ata Ourense
Despois de dous anos, Renfe recupera desde este martes os Alvia Lugo-Madrid sen transbordos por estrada, unha vez a compañía realizou a habilitación dos maquinistas tanto en vehículos como na renovada infraestrutura entre Ourense e Monforte, esixida pola normativa en materia de seguridade ferroviaria. Durante este tempo, os viaxeiros eran transportados en autobús.
Renfe recupera o servizo unha vez que o Adif concluíu as obras para renovar o treito entre Ourense e Monforte, unha zona de grande complexidade técnica debido á dificil orografía. Tamén foi preciso formar os maquinistas para circular pola vía actualizada cumprindo a normativa de seguridade ferroviaria.
Os traballos de renovación da infraestrutura entre Ourense e Monforte realizados por Adif foron incompatibles coa circulación de trens, polo que Renfe despregou un plan alternativo de transporte por estrada.
Era o último servizo que quedaba por recuperar tras as obras na liña entre Ourense e Monforte. O pasado 25 de novembro iniciouse a recuperación progresiva dos servizos no tramo Ourense-Monforte coa posta en marcha dos Alvia transversais que conectan Galicia e Cataluña. Agora farán o propio os servizos de media distancia.