Converten a carballeira de Noalla nunha fraga de Nadal
Converten a carballeira de Noalla nunha fraga de Nadal
Ademais da decoración hai mercado, concertos e actividades infantís
Querían facer algo para a cativada da parroquia, e a súa iniciativa acaba por congregar centos de visitantes. A Asociación Xuvenil A Esmorga creou na carballeira de Noalla, en Sanxenxo, un bosque de Nadal. Coas súas mans e moito enxeño, ademais de decorar as árbores, construíron casas, un río e mesmo unha nora para goce de todos os visitantes.
A carballeira de Noalla transfórmase durante estas datas nun escenario máxico para pequenos e maiores, con mercado, concertos e actividades infantís.
O proxecto da asociación Xuvenil A Esmorga vai máis alá de iluminar as árbores da carballeira desta parroquia de Sanxenxo.
Todo o que vemos está feito polos membros da asociación grazas á colaboración de empresas e veciños que comezaron apadriñando a iluminación das árbores. E contan ademais co apoio total do Concello.
Os preparativos comezan en setembro e só a montaxe lévalles case dous meses. As empresas da vila tamén fan doazóns para poder organizar sorteos, a maioría nas fins de semana.
A Comunidade de Montes tamén quixo colaborar achegando unha árbore xigante iluminada.
Dende hai tres anos, este proxecto do bosque de Nadal en Noalla non deixou de medrar pero din que vale a pena polo espírito de comunidade que se crea entre os veciños da parroquia.