O amigo invisible chega aos fogares durante o Nadal
O amigo invisible chega aos fogares durante o Nadal
Sortear os regalos é unha práctica cada vez máis estendida para non gastar tanto no Nadal
Achégase o Nadal e son moitos os que estes días buscan o agasallo perfecto para o amigo invisible, esa tradición de intercambiar regalos cun límite de prezo. Hai quen busca ideas orixinais, os que optan por clásicos e tamén hai a quen o trae de cabeza esta iniciativa.
A práctica do amigo invisible esténdese no Nadal. Aquí, e noutros países, aínda que lle chamen doutras maneiras. "En Colombia chamámoslle amigo secreto", apunta un veciño de Ourense. "Repártense os papeliños e poñemos un tope axeitado", explica unha moza.
O máis común segue a ser entre grupos de amigos ou compañeiros, de clase, do traballo... que queren facer un detalle polo Nadal pero sen gastar moitos cartos.
"Podes facer un gran regalo con cinco euros, sen gastar moito". "Quince euros, vinte... Por aí, entre 10 e 20", sinalan dúas rapazas. "Hai libros de peto que adoitan estar por debaixo dos 10 euros. Cousas de escritura ou regaliños como marcapáxinas, chaveiros…", detalla Israel, dono dunha libraría.
A clave, coma en todos os regalos, está en pensar na persoa que o vai recibir, nos seus gustos e intereses. "Eu teño agora un ao que estou pensando en mercarlle unha camiseta e personalizala". "Que sexa algo caseiro, que lle faga ilusión á persoa porque vén de ti, que non sexa, por exemplo, mercar un bolso", explican dúas mozas.
Iso si, sempre hai quen non se axusta ao presuposto, por exceso ou por defecto.