Como previr calotes nas compras en liña de Nadal?
Como previr calotes nas compras en liña de Nadal?
Aconsellan desconfiar das gangas e non picar en enlaces sospeitosos
Cómpre verificar que a empresa existe e que a navegación é segura
Tempo de Nadal, tempo de agasallos, e cada vez máis, de compras en liña.
"Para min é máis cómodo".
"Eu fágoo porque é máis barato".
Pero ollo, porque non é ouro todo o que reloce nas pantallas.
"Se vexo un desconto do 90 %, é moi tentador, pero depende da páxina".
"Eu só merco en páxinas seguras".
"A min non me enganan porque vou sempre mercar ás tendas, nada como poder ver e tocar, o tanxible".
Para evitar que nos dean gato por lebre, cómpre mercar en páxinas seguras e comprobar que a empresa existe legalmente.
"Mirar na barra de dirección de arriba que teña o símbolo do cadeado e despois ir ao apartado de advertencias legais e mirar nome, CIF, enderezo, etc e sempre desconfiar de ofertas excesivas", advirte Félix Caramés, avogado da Unión de Consumidores de Galicia.
Se o vendedor é real, teremos os mesmos dereitos a reclamar que nunha tenda física. Por iso cómpre identificar a empresa, e mellor que estea en Europa.
"Así vai ter os dereitos da directiva europea de consumidores e usuarios. Se compras na China ou América do Sur, vai depender dos convenios bilaterais que teña con España para este tipo de contratos", engade o avogado da Unión de Consumidores de Galicia.
Á hora de pagar sempre mellor facelo cunha tarxeta moedeiro ou de saldo limitado e que conte con dobre sistema de verificación. Porque, aínda que non os vexamos, tamén hai carteiristas agardando por nós en Internet.