A policía bloquea webs que finxían ser de marcas prestixiosas de roupa para estafar
A policía bloquea webs que finxían ser de marcas prestixiosas de roupa para estafar
A investigación comezou por unha denuncia cidadá
Estas estafas proliferan en épocas de moito consumo
A Policía Nacional bloqueou varias páxinas web que clonaban os portais de marcas de prestixio e populares en países como España, Polonia ou O Canadá para estafar clientes aproveitando o maior volume de compras durante a época do Nadal.
As web falsas finxían ser as orixinais das marcas, replicando a súa cabeceira, logos e maquetación, e promovíanse a través de anuncios nas redes sociais, o que lles permitía atraer potenciais vítimas, informou a Dirección Xeral da Policía.
Os dominios das páxinas web empregadas polos estafadores estaban rexistrados en países principalmente dos continentes americano e asiático, estaban aloxadas en servidores dos Estados Unidos e realizaban as cobranzas a través dun comercio con sede no Brasil.
A investigación comezou por unha denuncia cidadá
A investigación iniciouse por mor das alertas recibidas pola policía no seu enderezo de correo electrónico para recibir denuncias cidadás acerca deste tipo de delitos (fraudeinternet@policia.es).
Os axentes da Unidade de Ciberdelincuencia atoparon varias páxinas que estafaban mediante técnicas como o phising ou o spoofing, ofrecendo produtos con descontos rechamantes, a prezos moi inferiores ao valor de mercado, para captar a atención dos potenciais estafados.
Unha vez realizada a compra, e tras efectuarse a cobranza, o pedido nunca chegaba ao cliente.
Estas páxinas promovíanas mediante anuncios en Facebook e Instagram, o que permitía aos estafadores que as súas potenciais vítimas accedesen á súa web mediante un só clic.
Aínda que conseguían replicar a aparencia das web das empresas reais, populares en países como España, O Canadá ou Polonia, o nome da marca que empregaban non era o orixinal. Introducían ou eliminaban un carácter, apenas perceptible para o cliente.
Tamén rexistraban os seus dominios coa terminación ".shop" para dar a impresión de que en efecto se trataba dunha tenda en liña, ou empregaban certificados SSL, que cifran os datos introducidos e utiliza o protocolo HTTPS, que, á súa vez, mostra un cadeado na barra de navegación, que adoita ser indicador de que se trata dun sitio de confianza.
Por todo iso, e para impedir que os internautas accedesen a estas páxinas, os investigadores bloqueáronas coa colaboración das empresas rexistradoras dos dominios.
Estas estafas proliferan en épocas de moito consumo
Este tipo de páxinas web, explica a Policía Nacional nun comunicado, proliferan en épocas de alta demanda destes produtos, neste caso iniciados cos descontos do Black Friday e estendéndose ata Nadal.
Os axentes observaron patróns comúns que permitiron conectar as denuncias interpostas nas catro semanas previas ao comezo do citado período de descontos, alcanzando preto de 200 denuncias, aínda que existen moitos afectados que, polo valor do prexuízo económico ocasionado, non adoitan denunciar.
Tras o bloqueo das web cesaron as denuncias sobre este tipo de delitos.
Consellos para evitar ser vítima dunha ciberestafa
Para evitar ser vítima destas ciberestafas, a policía recomenda desconfiar das promocións que chegan a través de correo electrónico ou redes sociais e os excesivos descontos, verificar que as URL das web son correctas ou fixarse no deseño da páxina, nas que as imaxes de baixa calidade ou textos mal traducidos adoitan ser sinais de alarma.
Para aqueles que xa fosen vítimas recomendan cambiar a tarxeta bancaria empregada para a transacción, contactar co banco e interpoñer unha denuncia.