Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous de cada tres ciberdelitos bancarios que chegan aos tribunais acaban sendo considerados neglixencia da vítima

Dous de cada tres ciberdelitos bancarios que chegan aos tribunais acaban sendo considerados neglixencia da vítima

Os estafadores aproveitan as fugas e filtracións de datos ao mercado negro

Os representantes dos consumidores piden melloras lexislativas 

G24.gal 21/11/2024 13:25

Os axentes do grupo de investigación tecnolóxica da Coruña contan que volven ter casos dos que eles denominan mulas: persoas que son enganadas para transferir cartos procedentes da fraude a países do estranxeiro. 

"E mesmo lles ofertan que van recibir unhas transferencias bancarias a cambio de cartos: 'Eses cartos que recibas, transfíreos a onde eu che diga'. Entón eles están supostamente traballando, pero en realidade están participando na actividade delituosa sen ser conscientes de que participan como mulas nesa estafa", explica Antonio Caaveiro, oficial de Policía do Grupo de Investigación Tecnolóxica 

Son argucias dos ciberestafadores que, ao non conseguir romper a seguridade dos bancos, se valen dos propios clientes para roubar. 

Todo comeza ao recibir no propio teléfono ou correo electrónico mensaxes que falsifican o remitente e que meten présa para que premer nun enlace que se parece ao do banco pero non é. 

Se un ten dúbidas, o que ten que facer é ir ao navegador co seu ordenador, teclear ao enderezo web da súa entidade bancaria e facer as comprobacións, segundo explican no Corpo Nacional de Policía.

Se hai unha mínima variación no dominio, mesmo un pequeno guión, é unha estafa. É clave nunca facilitar datos bancarios nin persoais, porque administrativa ou xudicialmente poden consideralo unha neglixencia.

"Falar de que unha persoa comete unha neglixencia cando foi vítima dunha estratexia de enxeñeira social... Podemos recibir unha chamada que provén dun número que figura como o da nosa entidade bancaria, coñecen información sobre nós, ata nos falan en galego.  É realmente forte falar de neglixencia grave. A realidade é que os bancos están a aforrar millóns pola atención non presencial", di Miguel López, secretario da Unión de Consumidores de Galicia e presidente da Confederación ConsumES 

Mentres Europa traballa en avances lexislativos, as regras de ouro para os clientes son comprobar dominios, nunca xamais facilitar claves bancarias e pensar dez segundos. Que ningunha mensaxe nos agoníe.

"Se houbese un fallo de seguridade dentro dunha entidade bancaria, aínda que fose nas nosas contas, o responsable é o banco. Así que nada de présas. O que ten que facer o cidadán é nada. Se o chaman un venres pola tarde pode esperar ao luns sen problema ningún para confirmar presencialmente na súa sucursal que todo está ben. Se non fai nada, nada, nada de nada, nunca poderá ser vítima dun ciberdelito", razoa Antonio Caaveiro, desde do Grupo de Investigación Tecnolóxica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade