Descontos de ata o 30% para os maiores co CARNÉ+65 da Xunta
Hoteis, centros de saúde e numerosos establecementos comerciais están adheridos ao programa
A Xunta pon en marcha o CARNÉ+65 co que os maiores van poder acceder a máis descontos e vantaxes .
Xa hai case un milleiro de establecementos adheridos a este programa, que ofrece descontos de ata o 20% en hoteis, casas rurais e viaxes. Hai rebaixas de ata o 30% en saúde e coidados, en ópticas e centros auditivos, por exemplo. Noutros establecementos comerciais, como moda e complementos, os descontos poden chegar ao 20%.
Todos os maiores empadroados en Galicia reciben este carné na casa ao cumprir os 65 anos, sen necesidade de solicitalo. Con el teñen descontos de ata o 30% nun milleiro de establecementos, que a partir de agora lucirán este distintivo para que sexa máis doado dar cos negocios que ofrecen estes descontos.
Descontos para lentes, dentista, roupa, alimentación, hoteis e restaurantes, pero tamén en aulas de maiores.
Este carné, di Alfonso Rueda, enmárcase nas medidas de apoio aos maiores da Xunta. E nesa liña avanza que nas próximas semanas aprobarán unha estratexia contra a soidade non desexada.
Canda esa estratexia, di o presidente, farán accións contra o idadismo, que é a discriminación dos maiores.