Sanidade investirá 48 millóns en anteollos e lentes de contacto para quen máis o necesite
Sanidade investirá 48 millóns en anteollos e lentes de contacto para quen máis o necesite
Este sistema de axudas directas está deseñado para eliminar trabas burocráticas e facilitar o acceso
Outra iniciativa é a de facilitar o acceso a preservativos gratuítos aos máis novos para frear o avance das infeccións de transmisión sexual (ITS) detectado tras a pandemia da covid-19.
A ministra de Sanidade, Mónica García, avanzou este mércores que o seu departamento dedicará o vindeiro ano 48 millóns de euros para financiar anteollos e lentes de contacto ás familias que "máis o precisen" a través dun sistema de axudas directas deseñado "para eliminar trabas burocráticas" e facilitar o acceso.
Xunto co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Ópticos-Optometristas e a Sociedade Española de Oftalmoloxía, Sanidade traballa agora para "definir os detalles" e "establecer o mellor mecanismo de distribución" para garantir que "chegue a quen máis o precise".
Gratuidade dos preservativos para os máis novos
Outra iniciativa que chegará en 2025 será a de facilitar o acceso a preservativos gratuítos aos máis novos para frear o avance das infeccións de transmisión sexual (ITS) detectado tras a pandemia da covid-19.
É unha medida en colaboración co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, coa que se busca implementar o acceso gratuíto de preservativos en oficinais de farmacia. Afirman que o seu custo é unha das maiores barreiras para os mozos, polo que buscan con esta iniciativa eliminar o obstáculo monetario.
Poñerase en marcha un proxecto piloto do que aínda está "por definir a contía orzamentaria e o grupo obxectivo" pero que supoñerá un primeiro paso "cara a unha medida máis ambiciosa", que é garantir a gratuidade dos condóns para protexer os máis novos.