Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprobado o plan de Atención Primaria que inclúe as autobaixas para antes de 2026

Aprobado o plan de Atención Primaria que inclúe as autobaixas para antes de 2026

Crearase a figura do "administrativo en saúde" para descargar os médicos de tarefas burocráticas e permitir que poidan dedicar o seu tempo aos pacientes

O CISNS aproba o protocolo para a creación do rexistro de persoas obxectoras de conciencia respecto ao aborto

Mónica García afirma que no Goberno hai "especial interese" en que saia o convenio de MUFACE

Sanidade mantén o seu consello de uso gradual de máscara segundo avance a epidemia da gripe

Mónica García, ministra de Sanidade, tras o pleno do Consello Interterritorial. Europa Press / Carlos Luján
G24.gal 16/12/2024 18:16 Última actualización 16/12/2024 20:06

O Ministerio de Sanidade e as comunidades deron luz verde este luns ao novo plan de Atención Primaria 2025-2027, que inclúe as autodeclaracións responsables por enfermidade leve, coñecidas como "autobaixas", e a figura do "administrativo en saúde" para aliviar a sobrecarga dos médicos antes de 2026.

A nova folla de ruta da Atención Primaria aprobada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) define un novo mapa de competencias incorporando novos perfís aos equipos, desde fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, logopedas, nutricionistas e traballadores sociais a podólogos, ópticos/optometristas e farmacéuticos.

Un plan cuxas medidas se irán "debullando en diferentes lexislacións e acordos porque é moi ambicioso" e que pretende "poñer o paciente no centro cunha atención máis próxima, máis humana e máis áxil", destacou en conferencia de prensa a ministra de Sanidade, Mónica García.

Tamén aspira a mellorar as condicións laborais dos profesionais dotándoos de maior tempo para que llelo dediquen aos pacientes, para o que se van optimizar os procesos burocráticos.

Recuperar un 30 % das axendas médicas, dedicadas a trámites burocráticos

O documento recolle unha serie de medidas que van desde a creación da figura do "administrativo en saúde" para descargar de todos os labores burocráticos os médicos as chamadas autodeclaracións responsables de baixa por enfermidade leve dun máximo de tres días por parte do traballador.

"Fomentaranse os acordos necesarios para impulsar a autodeclaración responsable entre o Ministerio de Sanidade e os organismos públicos competentes", di o documento recentemente aprobado.

A ministra lembrou que esta medida incumbe tamén aos ministerios de Traballo e Seguridade Social, cos que Sanidade segue traballando para facelas realidade, ademais de con todos os axentes sociais, patronais e sindicatos.

"Hai axendas que teñen que dedicar o 30 % do tempo a estes trámites burocráticos, e supoñería facilitar que os "profesionais de elite" poidan dedicalo realmente ás tarefas asistenciais, de diagnóstico, de tratamento, de seguimento e de prevención", resaltou a ministra.

Lonxitudinalidade, ampliación de servizos e de perfís

O plan establece un sistema de avaliación e seguimento para monitorizar o progreso e asegurar o cumprimento dos seus obxectivos, que son:

- Lonxitudinalidade: o plan de acción inclúe medidas específicas para promover a continuidade da atención cos mesmos profesionais dada a evidencia científica que demostrou que ser asistido polo mesmo equipo durante máis tempo reduce a necesidade de acudir a urxencias, as hospitalizacións e mesmo o risco de morte.

- Fidelización e atracción do talento: para mellorar as condicións laborais e facer a Primaria máis atractiva, cada comunidade impulsará a elaboración de plans de recursos humanos para fidelizar o talento actual, incentivar o retorno de profesionais que traballan noutros ámbitos e fomentar a incorporación de enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria.

- Ampliación da carteira de servizos coa inclusión de novos procedementos diagnósticos e ampliar a atención bucodental, con especial énfase na prevención e asistencia de colectivos vulnerables.

- Mellora da capacidade resolutiva: redeseñaranse os procesos asistenciais en Atención Primaria, o cal pasará por poñer en funcionamento un modelo de xestión integral da demanda que garanta que cada necesidade do cidadán sexa atendida polo profesional máis oportuno no momento adecuado.

Tamén por promover a atención domiciliaria para aqueles pacientes que a necesiten, achegando os servizos de saúde aos seus fogares; e por dotar a Atención Primaria das ferramentas e recursos necesarios para resolver máis problemas de saúde, evitando derivacións innecesarias á atención especializada.

- Impulso á atención comunitaria: reforzarase a orientación comunitaria da Atención Primaria, promovendo a saúde e a prevención de enfermidades, coa participación activa da comunidade na toma de decisións.

- Fortalecemento da coordinación e a continuidade asistencial: o plan contempla a mellora da interoperabilidade das historias de saúde dixitais e estableceranse sistemas de comunicación bidireccional e de xestión de casos entre os diferentes ámbitos asistenciais, incluíndo as farmacias comunitarias.

- Innovación e desenvolvemento: potenciarase a investigación no ámbito da Atención Primaria e facilitarase a transferencia dos resultados da investigación á práctica clínica.

- Mellora da gobernanza e benchmarking: a nova folla de ruta da Atención Primaria aposta pola definición dun conxunto de indicadores que permita o seguimento e avaliación e a comparación de resultados entre diferentes territorios.

A Oficina de Atención Primaria dinamizará o intercambio de boas prácticas para implantar casos de éxito dunhas comunidades a outras.

Créditos condicionados ao cumprimento dos obxectivos

O plan 2025-2027 contará cun orzamento finalista que permitirá ás comunidades autónomas levar a cabo as accións necesarias para a súa implementación. Establecerase un sistema de avaliación e seguimento para monitorizar o progreso do plan e asegurar o cumprimento dos seus obxectivos.

Con todo, "a distribución de crédito entre as comunidades e Ingesa podería estar supeditado ao cumprimento de accións recollidas no presente Plan e farase conforme aos criterios que serán debatidos e traballados na Comisión de Atención Primaria e Comunitaria e "sometidos a aprobación posteriormente no pleno do Consello Interterritorial", conclúe a ministra.

O CISNS aproba o protocolo para crear o rexistro de obxectores do aborto

O pleno aprobou tamén este luns o protocolo para a creación do rexistro de persoas obxectoras de conciencia respecto ao aborto. Isto permitirá aos médicos rexistrarse como obxectores de xeito total ou parcial sen explicar os seus motivos e contando coa garantía da salvagarda dos seus datos.

Trátase dun rexistro que aínda non existe en todas as comunidades autónomas malia estar contemplado na lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo (IVE). A intención deste é garantir que as mulleres poidan exercer o seu dereito para abortar na sanidade pública.

"Xa non hai escusas para incumprir a lei. Nese rexistro de obxectores de conciencia designamos os criterios mínimos que teñen que ver cada unha das comunidades autónomas", concluíu a ministra Mónica García.

"Especial interese" do Goberno no convenio de Muface

A ministra de Sanidade, Mónica García, garantiu este luns que no Goberno "hai especial interese" de que o convenio de Muface saia adiante. Ademais, animou as comunidades que están preocupadas polo fin do modelo para dirixirse ás aseguradoras, que son as que non queren asinalo.

 

"A realidade é que as aseguradoras e o Ministerio de Función Pública están a negociar un novo contrato e que nós, como Ministerio de Sanidade, non temos nada que dicir respecto diso. Respectamos esa negociación e o seu resultado", subliñou a ministra ao termo do Consello Interterritorial no que abordou coas comunidades as implicacións que tería para a sanidade pública asumir os mutualistas.

Baixo o título 'Muface: do seguro privado ao Sistema Nacional de Saúde', Sanidade apuntaba que "o contexto actual fai que, por primeira vez en moitos anos, a posibilidade de incorporar a poboación mutualista á asistencia sanitaria pública sexa unha opción tanto viable como razoable.

Á marxe de Muface, o Interterritorial deu luz verde a oito acordos en total: o plan de Atención Primaria 2025-2027; o protocolo de creación do rexistro de obxectores ao aborto; o Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antimicrobianos (PRAN 2025-2027) e o de designación e redesignación de centros, servizos e unidades de referencia (CSUR) do SNS.

Tamén o de reordenación da protonterapia; o do dispositivo de peche (oclusor) do apéndice auricular esquerdo do corazón na carteira común de servizos, ou o calendario común de vacinación e inmunización ao longo de toda a vida 2025 e o dos grupos de risco.

Con todo, e dado a extensa orde do día, a ministra e os conselleiros aprazaron a abordaxe da situación do estatuto marco para unha nova reunión extraordinaria que farán de maneira telemática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade