Mata cun coitelo a súa parella en Viveiro e logo tenta suicidarse
Mata cun coitelo a súa parella en Viveiro e logo tenta suicidarse
O suposto agresor, un taxista de 40 anos, foi trasladado en estado grave ao Hospital da Mariña, en Burela, onde permanece baixo custodia policial
A vítima, de 42 anos e nacionalidade brasileira, mantiña unha relación desde hai 11 anos co suposto agresor
Segundo fontes próximas á investigación, non existían denuncias previas por malos tratos
Unha muller de 42 anos foi asasinada cunha arma branca supostamente pola súa parella en Covas, no concello lugués de Viveiro. O home posteriormente tentou suicidarse, segundo informaron a EFE fontes policiais.
Segundo a información facilitada pola mesma fonte, a vítima é unha muller de orixe brasileira que levaba 16 anos residindo na Mariña e 11 en parella co suposto asasino, que traballa como taxista. A falecida, que traballaba nun supermercado, deixa dous fillos. Un deles vive tamén na Mariña luguesa e outro en Brasil.
Malia que aínda se investigan as circunstancias do suceso, as mesmas fontes indicaron que o asasinato puido producirse no domicilio que ambos compartían.
Tras o crime, o suposto agresor puido tentar suicidarse, malia que segue con vida e foi trasladado en estado grave, con varios cortes no corpo, ao hospital de Burela, onde permanece baixo custodia policial.
A Policía Nacional investiga a morte. Os axentes precintaron o edificio en que tivo lugar o suceso, para que efectivos da policía científica puidesen rastrexar o inmoble na procura de pistas.
Segundo fontes próximas á investigación, non existían denuncias previas por malos tratos da muller asasinada cara ao presunto agresor, que segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tampouco ten antecedentes.
O suceso causou grande consternación en Viveiro. O xulgado número 1 da localidade fíxose cargo do caso, que pasará ao número 2 en caso de confirmarse oficialmente que se trata dun caso de violencia de xénero.
De confirmarse como un caso de violencia machista serían 46 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, a quinta en Galicia tras o asasinato o pasado mes de novembro dunha muller de 36 anos en Baiona (Pontevedra).
A conselleira insta a todas as vítimas de violencia mahicts a denunciar
A conselleira de Política Social, Fabiola García, condenou o crime, e instou a todas as vítimas de violencia machista a denunciar.
Durante unha intervención no pleno do Parlamento autonómico, García compartiu as palabras de condena deste crime expresadas anteriormente pola deputada do BNG Olalla Rodil e, aínda que instou a deixar continuar as investigacións, apuntou que parece "unha nova traxedia" de violencia de xénero ante a que a Xunta volve expresar "a súa máis firme condena e repulsa".