Investigan como posibles crimes machistas as mortes violentas de tres mulleres
As vítimas, de 36, 76 e 78 anos, foron asasinadas na última semana en Xirona, Xaén e Murcia
Outra muller, de 55 anos, está grave tras ser acoitelada supostamente pola súa parella en Lanzarote
As forzas de seguridade manteñen abertas tres investigacións por supostos crimes machistas ocorridos nos últimos días en Blanes (Xirona), Martos (Xaén) e Archena (Murcia).
Ademais, unha cuarta muller permanece ingresada en estado grave tras ser acoitelada presuntamente pola súa parella o venres pasado en Lanzarote. A vítima, de 55 anos, tivo que ser operada de urxencia e agora está fóra de perigo.
Segundo o delegado do Goberno nas Canarias, Anselmo Pestana, o suposto agresor foi detido tras unha persecución na que participaron axentes da Policía Local e Nacional. A Unidade de Atención á Muller da Comisaría de Arrecife investiga esta agresión como un caso de violencia machista.
Crime en Xirona
Na localidade xerundense de Blanes, tamén investigan como crime machista a morte violenta dunha muller de 36 anos e nacionalidade española ocorrida o xoves pasado.
Malia que nun principio se apuntou a unha sobredose como causa do falecemento, a autopsia revelou indicios de criminalidade. Os Mossos d'Esquadra detiveron a parella da vítima como principal sospeitoso.
Muller falecida en Martos
En Martos (Xaén) pescudan a morte doutra muller, de 78 anos. O seu home solicitara a axuda dos servizos de emerxencia tras declarar que sufrira unha caída. Porén, a Garda Civil topou indicios dun posible crime machista.
A vítima, de nacionalidade británica, ingresou o luns pasado en estado grave nun hospital, no que faleceu horas despois. O suposto autor está en prisión mentres avanza a investigación.
Investigación en Murcia
Tampouco descartan como crime machista a morte dunha muller de 73 anos na pedanía de Algaida, en Archena (Murcia). Unha das fillas da vítima topou este sábado o corpo da nai, con signos aparentes de violencia, no seu domicilio.