As mulleres directivas baixan en España do 40 % ao 38 % nos últimos dous anos
En Galicia, o 44 % das empresas son propiedade de mulleres, pero a porcentaxe cae nas empresas medianas e grandes
España está nos primeiros postos a nivel europeo e mundial na presenza de mulleres en postos liderado empresarial. De feito, xa hai mulleres en postos directivos en case o 40 % das empresas. A mala noticia é que esa liña ascendente rompeu nos últimos dous anos. Un asunto que analizaron este luns en Vigo as empresarias galegas.
"Se vemos os datos de Galicia, vemos que o 44 % das empresas son propiedade de mulleres, pero das pequenas empresas", explicou María Borrás, a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia.
Nas grandes, adoitaban mandar os homes. "Pero xa hai excepcións tamén moi notables", subliñou a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, como Freire Hermanos, Adolfo Domínguez ou o Celta de Vigo.
Neste encontro falouse de que non sempre foi habitual que as mulleres herdasen o mando da empresa familiar.
"Non sempre é así, pero eu penso que meu pai o tivo claro", declarou Sara Rodríguez, de Hermasa.
Aínda que moitas líderes xa veteranas aseguran que as mozas atopan hoxe resistencias parecidas ás que elas atoparon
"Vemos que a situación non mudou moito e que as máis novas se atopan cos mesmos problemas que tivemos nós. Por iso é moi importante que teñamos liderados fortes e visibles, para amosar que se pode cambiar, que se pode chegar. E pódese ser nai e liderar", matizou Ana Alonso, de CITIC HIC Gandara Censa.
Liderar, coinciden, escoitando os equipos e pensando nos intereses da empresa, pero tamén no interese xeral. Explicaron que moitas xeracións de mulleres loitaron para que hoxe poidamos ter unha igualdade maior.
"Antes as mulleres non podían sacar cartos sen o permiso do home, e non hai moito nin podían votar. Así que é importante que non nos despistemos", declarou Ángela Guerra, de Hospital Ribera Povisa.
"Demos moitos pequenos pasos, pero aínda non o paso definitivo para conseguir que a igualdade sexa efectiva", concluíu María Borrás, a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia.