O sobriño da muller asasinada no Bolo: "Estamos consternados, hai que denunciar"
O primeiro asasinato por violencia de xénero en Galicia e o sétimo en España no que vai de 2025
Josefa, de 76 anos, foi asasinada polo seu marido, que permanece detido á espera de pasar a disposición xudicial
O Bolo decreta tres días de loito mentres se suceden os actos de condena ao crime en diversos puntos de Galicia
A morte dunha muller no municipio ourensán do Bolo este domingo, tras ser, presuntamente, agredida cunha arma branca polo seu marido, é o primeiro asasinato por violencia de xénero en Galicia neste ano.
Os feitos foron xa confirmados como un crime machista por parte da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
O tenente de alcalde do Bolo e sobriño da muller asasinada, Miguel Ángel García Fariñas, fixo fincapé en que "cando a xente teña coñecemento destas historias hai que denunciar", xa que, segundo lamentou, a súa tía nunca quixo facelo. "Ela nunca quixo denunciar, a familia está consternada porque ninguén espera que isto poida pasarche, agora temos cargo de conciencia pensando se podiamos facer algo", dixo o sobriño e portavoz da familia.
Ante as preguntas dos medios, detallou que o detido "estaba bebido" cando comezou a discutir coa vítima e apuñalouna, presuntamente, cunha arma branca. Neste sentido, confirmou que en ocasións anteriores o detido xa se mostrou agresivo. "Gustaríame dicir que cando unha persoa é alcohólica e vai aos bares, por favor que non rían as grazas nin se fagan comentarios como 'cando chegues á casa a ver a muller...', porque todo inflúe para que acaben pasando estas cousas", aseverou.
A vítima foi trasladada a Ourense para facerlle a autopsia e será soterrada no cemiterio das Ermidas.
Minuto de silencio na delegación do Goberno en Galicia
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, manifestaba, tras participar nun acto de condena por este crime e o asasinato por violencia vicaria de Murcia, a que todo apuntaba a un acto de violencia de xénero. En declaracións aos medios, ratificou, ademais, que o presunto autor se atopa detido no cuartel do Barco, á espera do seu pase a disposición xudicial, "posiblemente mañá", engadiu en relación a un caso que leva o xulgado de Trives.
O delegado do Goberno instou a esperar ao resultado da investigación, concretando ao ser cuestionado sobre se había denuncias previas que a muller non estaba dentro do sistema Viogen. "Non se contaba, nin tiña antecedentes deste tipo, pero está a investigarse", aseverou en relación ao presunto autor e os feitos.
Os feitos producíronse sobre as 18:20 horas deste domingo na parroquia das Hermidas e ata o punto desprazouse un helicóptero medicalizado. Con todo, os profesionais sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida á vítima, de 76 anos. En relación a este crime e os últimos ocorridos en España, como o dunha nena en Murcia "coa única finalidade de facer dano á nai", remarcou o delegado, instou a "loitar" toda a sociedade.
"Estamos ante unha situación de absoluta emerxencia e non imos dar un paso atrás ante esta realidade". "Aos que negan, que recapaciten porque estamos ante violencia machista e temos que poñer empeño en visibilizalo e para erradicala", insistiu Blanco.
O de Josefa, a muller do Bolo de 76 anos, é o primeiro asasinato por violencia de xénero no que vai de ano en Galicia, aumentando ata sete o total de mulleres en toda España. Con este último caso, son 1.301 o total de vítimas mortais desde 2003 cando comezaron a solicitarse datos.
Minuto de silencio na Xunta de Galicia
O Goberno galego, co seu presidente, Alfonso Rueda, á fronte concentrouse este luns ante a sede da Xunta, en Santiago de Compostela, para gardar un minuto de silencio polo asasinato.
Tras o minuto de silencio, no que participaron case todos os conselleiros e conselleiras do Goberno galego, o director xeral contra a violencia de xénero da Xunta, Roberto Barba lamentou "o falecemento dunha nova vítima en Galicia". Este instou ás mulleres "que sentan maltratadas e fustrigadas" a denunciar. Esta é "a única maneira de visibilizar esa muller e de sacala desa violencia e de ofrecer os recursos que temos na Xunta a fin de evitar outros actos como o que aconteceu, desgraciadamente", engadiu.

Reacción da ministra de Igualdade
A ministra de Igualdade, Ana Redondo, quixo enviar o seu "máis sentido pésame" á familia de Josefa e asegurou que o Goberno seguirá traballando "para acabar con esta violencia estrutural que atenta contra as mulleres polo feito de selo". Na súa mensaxe, Redondo animou as vítimas a denunciar estes feitos.
Mi más sentido pésame para la familia de Josefa, asesinada ayer presuntamente por su marido en Ourense. Seguiremos trabajando para acabar con esta violencia estructural que atenta contra las mujeres por el hecho de serlo. Si eres víctima llama al 016, sabed que no estáis solas. https://t.co/amDjKyQFVy
— Ana Redondo (@_anaredondo_) April 7, 2025