Detido un home de 72 anos no Bolo por matar a muller cun coitelo
Segundo os primeiros datos, o suposto homicida atacou a súa parella cunha arma branca na parroquia das Ermidas
A vítima, de 76 anos, non estaba inscrita no sistema Vioxén de protección nin constaban denuncias previas contra o seu home
O presidente da Xunta condena o asasinato machista das Ermidas

Un home de 72 anos foi detido este domingo no concello ourensán do Bolo como presunto autor da morte da súa muller, de 76, segundo confirmaron fontes da Benemérita.
Segundo lle confirmou á Radio Galega o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o propio home alertou aos servizos de emerxencias, que tentaron reanimar a muller sen éxito.
O suposto homicida atacou a súa parella cunha arma branca na parroquia das Ermidas. O agresor foi arrestado minutos antes das 18:00 horas e trasladado ás dependencias da Garda Civil no posto do Barco de Valdeorras.
A muller non estaba inscrita no sistema Vioxén de protección a mulleres en situación de risco nin constaban denuncias previas contra o seu home.
É a primeira vítima da violencia machista en Galicia no que vai de ano e a sétima en España.
Eladio Santos insiste na importancia de non baixar a garda e seguir denunciando a violencia machista.
O alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, asegura que na vila están consternados e confirma que este luns, ás 14:00 horas, haberá un pleno extraordinario para condenar o crime e declarar tres días de loito oficial.
O rexedor explicou que a parella, cun fillo que non reside en Galicia, fora emigrante e que, unha vez que ambos os dous se xubilaron, se instalaron xa definitivamente nunha casa que fixeron nas Ermidas, un pobo onde residen unhas 20 persoas.
O teléfono 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es.
Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.
Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062), e en caso de ser imposible realizar unha chamada, pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

O presidente da Xunta condena o asasinato machista das Ermidas, no Bolo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, condenou o asasinato machista ocorrido este domingo nas Ermidas.
O máximo mandatario autonómico trasladou na súa conta de X o seu "pesar" á familia e contorna da vítima. "A loita contra a violencia de xénero debe ser un compromiso firme e compartido por toda a sociedade", engadiu.
A miña firme condena polo asasinato machista ocorrido no Bolo. Traslado todo o meu pesar á familia e ao entorno da vítima. A loita contra a violencia de xénero debe ser un compromiso firme e compartido por toda a sociedadehttps://t.co/5lrKnu2j1z
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 6, 2025