Publicador de contidos

Publicador de contidos

Suspendidas as procesións de Vigo; seguen en pé as de Ferrol e Viveiro "polo momento"

Suspendidas as procesións de Vigo; seguen en pé as de Ferrol e Viveiro "polo momento"

Os pasos vigueses estarán expostos en horario de tarde durante o Xoves e Venres Santo no templo parroquial de Santiago de Vigo, na concatedral-basílica de Santa María de Vigo, na igrexa de San Salvador e no Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social de Vigo

En Ferrol e Viveiro mantéñense as procesións e a decisión sobre a cancelación das mesmas non se realizará ata 30 minutos antes da saída

Lista de agarda para ser portador na Semana Santa de Viveiro

Procesión do Cristo da Columna e a Virxe da Esperanza este martes en Ferrol. EFE/Kiko Delgado. Procesión do Cristo da Columna e a Virxe da Esperanza este martes en Ferrol. EFE/Kiko Delgado.
G24.gal 16/04/2025 14:24

As procesións de Semana Santa de Vigo suspendéronse este mércores debido a que as condicións meteorolóxicas ameazan con choiva, pero mantéñense "de momento" nas localidades de Ferrol e Viveiro, ambas as co distintivo de Interese Turístico Internacional.

Segundo trasladou a diocese de Tui-Vigo, o mal tempo obrigou a suspender todas as procesións da semana. Con todo, o bispo, Antonio Valín, convidou os fieis, veciños e turistas a achegarse a contemplar os pasos que, durante o Xoves e Venres Santo estarán expostos en catro puntos da cidade de 16:00 a 21:00 horas. Estes espazos serán o templo parroquial de Santiago de Vigo, a concatedral-basílica de Santa María de Vigo, a igrexa de San Salvador e o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social de Vigo.

O propio bispo tamén visitará os diferentes pasos da Semana Santa nos lugares de exposición. O xoves, ás 17:00 horas, visitará o templo parroquial de San Salvador de Teis. O venres, ás 16:45 horas, acudirá á igrexa de Santiago de Vigo e, ás 17:15 horas, ao centro de cálea Marqués de Valterra.

Ademais, os responsables da diocese e da Semana Santa de Vigo están a organizar dous actos para axudar aos fieis para celebrar estas datas, ambos os días na concatedral-basílica de Santa María, ás 19:30 horas.

O Xoves Santo, está prevista unha oración no Horto das Oliveiras, para recrear os momentos previos de Jesús en Getsemaní, antes do seu prendemento e o Venres Santo, o bispo de Tui-Vigo, predicará un solemne sermón. Ambos os actos serán harmonizados pola Asociación de Corais Polifónicas de Vigo.

Nesta liña, o xoves e venres, haberá diversos concertos das bandas da Federación de Bandas de Música de Vigo: ambos os días, ás 20:00 horas, no templo parroquial do Sacro Corazón de Jesús; e, o xoves, ás 18:30 horas, na igrexa de San Salvador de Teis.

Con respecto ao viacrucis organizado por Cursillos de Cristiandad no monte da Guía, o venres, ás 23:00 horas, non se suspende, independentemente da choiva.

Procesións en Ferrol

Desde a organización da Semana Santa ferrolá confirmaron que as procesións seguen en pé. As previsións para esta tarde, comunicaron, "son boas, mellores que as de onte". Igualmente, son precavidos, aínda que se espera poder sacar os pasos, a decisión de suspendela, tomada polas confrarías, non se decide ata 30 minutos antes de saír.

O horario das principais procesións é o seguinte:

· Mércores Santo:

Procesión da nosa Señora dos Cativos e Cristo Redentor. Horario: 19:00 horas. Organiza: Confraría da Mercé. Saída: Capela da Mercé.

· Xoves Santo:

Procesión do Cristo da Misericordia e María Santísima da Piedade. Horario: 23:00 horas. Organiza: Confraría de Dolores. Saída: Méndez Núñez.

· Venres Santo:

Procesión do Santo Encontro. Horario: 11:30 horas. Saída do paso de Jesús Nazareno por Méndez Núñez e ás 11:45 horas saída dos pasos de San Juan, Verónica e Virxe dos Dolores por Méndez Núñez. Organiza: Confraría de Dolores.

Procesión do Santo Enterro. Horario: 19:00 horas. Organiza: Confraría do Santo Enterro. Saída: San Xulián.

Procesión da Soidade. Horario: 20.30 horas saída da capela e ás 21.00 horas procesión. Organiza: Confraría da Soidade. Saída: Capela da Venerable Orde Terceira.

· Domingo de Resurrección:

Procesión da Resurrección. Horario: 13:30 horas. Organiza: Confraría da Soidade. Saída: Praza de Armas.

Procesións en Viveiro

Nesta liña, Viveiro mantén tamén unhas boas previsións para os próximos días. En principio, as procesións sairán con normalidade e percorrerán as rúas da localidade lucense.

Estas son as máis destacadas:

· Mércores Santo:

Viacrucis de Homes. Horario: 22:00 horas. Organiza: Parroquia de Santiago e Real Irmandade das Sete Palabras. Saída: Igrexa de San Francisco.

· Xoves Santo:

Procesión da Última Cea. Horario: 19:00 horas. Organiza: V.O.T. Franciscana. Saída: Igrexa de San Francisco.

Procesión da Misericordia. Horario: 23:45 horas. Organiza: Confraría da Misericordia. Saída: Capela da Misericordia.

· Venres Santo:

Procesión do Santo Enterro. Horario: 19:30 horas. Organiza: Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario. Saída: Igrexa de Santa María.

Procesión da Paixón. Horario: 22:00 horas. Organiza: Confraría do Santísimo Cristo da Piedade. Saída: Igrexa de San Francisco.

Procesión da Soidade, tamén coñecida como Os Caladiños. Horario: 00:30 horas. Organiza: V.O.T Franciscana. Saída: Igrexa de San Francisco.

· Domingo de Resurrección:

Procesión do Encontro de Resurrección. Horario: 12:00 horas. Organiza: Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario. Saída: Igrexa de Santa María.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade