Lista de agarda para ser portador na Semana Santa de Viveiro
As súas procesións son das máis antigas de Galicia e contan coa declaración de Interese Turístico Internacional
A cidade duplica a súa poboación, estes dias agardase a visita dunhas 30.000 persoas
Participar na Semana Santa de Viveiro é unha tradición familiar que pasa de xeración en xeración. A súa devoción pola Semana Santa vén do século XIII, data das primeiras representacións da Paixón de Cristo. E portar un dos pasos é un orgullo, e son moitas as confrarías que teñen lista de agarda.
"Antes había que pagarlles aos portadores para levar as imaxes, hoxe hai unha lista de agarda grande, na Irmandade de Mulleres temos unha lista de 80 persoas", explica Carmen Chipe, voceira da Xunta de Confrarías.
3.000 confrades, oito confrarías, forman a armazón da Semana Santa. Son os que lles dan vida ás procesións, sempre coa ollada posta no tempo. "En Viveiro todo é imprevisible, chove, escampa, temos os dedos cruzados para que todo saia para adiante", engade Carmen Chipe.
As súas procesións milenarias son tamén un atractivo turístico. As visitas duplicáronse tras ser declarada de Interese Turístico Internacional.
"Hai moito turismo nacional e galego, pero cada vez veñen máis estranxeiros", aseguran a xerente do Centro Comercial Casco Histórico, Isabel Méndez.
Os visitantes que é doado velos nas procesións, na sala museo onde se exhiben todos os pasos ou gozando das actividades culturais ou da gastronomía local.
"Sorprendidos co artístico, do ben que se prepara a Semana Santa, en como se entregan os veciños", di un home, e outro engade: "Xa escoitara falar dela e moi ben".
Prevese que unhas 30.000 persoas visiten estes días a cidade.