A mellor receita de Javier Olleros
A mellor receita de Javier Olleros
Ante un público formado por empresarios, investigadores e representantes do mundo académico, o chef do Culler de Pau reivindicou a curiosidade e os valores humanos como o motor do cambio
A receita de Olleros leva territorio, horta propia, produto de proximidade... E comunidade, aldea e equipo. Leva valores como a defensa dos ecosistemas e dos migrantes, do esforzo como o que fixeron seus pais en Suíza. A posición dun dos mellores cociñeiros do mundo leva un recheo de humildade.
"É un privilexio, eu son un cociñeiro, fago tortillas, combino elementos e trato de facer feliz a xente. Eu creo que a intuición é a arma que ten o ser humano para tomar boas decisións", dixo Javier Olleros, o chef do Culler de Pau.
Sen nunca levantar os pés da terra, Olleros acadou dúas estrelas e tres soles. Hoxe comezou a charla contando que lle doe unha moa, que de neno tripitiu, que de mozos tivo crises, que quixo ser futbolista... Defendeu a valía dos que non encaixan e, sobre todo, a curiosidade que o levou a crear.
"Desprendendo esa palabra da rixidez porque semella que a creatividade estivese destinada aos elixidos e eu podo ser un exemplo de que a creatividade é un motor para a nosa vida e para facer un mundo máis responsable", matizou
Olleros e o seu restaurante, Culler de Pau, colaboran co CSIC, están embarcados por exemplo, na recuperación dunha avea autóctona. Din que é clave o respecto aos ecosistemas, ao orgánico, a atención e o respecto á diversidade: "E vaia que non somos tan importantes, Culler é a suma de todo isto que estou dicindo, nin máis nin menos".