A artesanía e a gastronomía local atrae moreas de visitantes a Ribadavia
A artesanía e a gastronomía local atrae moreas de visitantes a Ribadavia
A vila acolle a mostra Saber e Sabor, con ducias de postos entre a igrexa da Magdalena e a Praza Maior
Trátase dun mercado efémero co que a Xunta quere impulsar a actividade do comercio local
A antiga igrexa da Magdalena condúcenos por distintas expresións da artesanía de Galicia, nas que os oficios tradicionais adquiren innovadoras presentacións.
"Partindo dun anaco dunha louza rota ou con algunha tara, recupéroa e fago xoiería", conta o xoieiro Rodrigo Riveiro.
"Fago fulares, animais... sobre todo, paxaros. Gústame levar a natureza ao interior dos fogares", di María Monsalve, que traballa la en feltro.
"O bo da cerámica é que falo coas mans e tes unha posibilidade infinita de crear pezas", asegura Alberto Lista, oleiro de Buño.
No segundo día da mostra, moitos tiveron que repoñer para atender a elevada demanda.
"Onte foi moitísima a xente que veu visitar e tamén se reflicte nas vendas, así que eu penso que bastante positivo, a verdade", comenta Lola Logaro, tecedora.
Desde a Magdalena, polo barrio xudeu, tamén se habilitaron para a ocasión antigos baixos comerciais, onde, ademais de venderen, ofrecen talleres para os visitantes.
"Estoume pelexando cunha coroa de Nadal enorme e estoulles ensinando como se cobre todo o aro de verdes", explica Verónica Souto, que fai arranxos florais.
A mostra, Saber e Sabor, combina artesanía e gastronomía. Hai unha vintena de postos, de produtos de alimentación de proximidade, nunha carpa instalada na Praza Maior.
E tamén o viño ten o seu espazo nesta mostra piloto á que, para o ano que vén, pretenden darlle continuidade nas fins de semana.