Mercado de segunda man e doces caseiros para espallar a música e o baile tradicional
Mercado de segunda man e doces caseiros para espallar a música e o baile tradicional
A asociación de música e danza de Cuntis agarda recadar máis de 1.200 euros ao día para facer un intercambio
O posto das filloas e das sobremesas caseiras son os máis concorridos
En Cuntis, o mes do Nadal arranca con sabor a filloas. Sen ser unha sobremesa tradicional destas datas, no mercado organizado pola Asociación municipal de Música e Baile Tradicional son moi demandadas.
"As filloas facémolas porque aquí teñen moito éxito. Adoitamos facelas no magosto, vemos que as quere a xente e volvémolas facer. É por axudarlle un pouco á asociación e darlle un pouco de vida á vila", asegura Paz, encargada de facelas.
No posto de doces caseiros, xa tiveron que repoñer existencias para atender os encargos.
"Os de Cuntis somos lambóns e todo o da mesa acábase rápido", di Silvia Calviño, Secretaria da Asociación de Música e Baile Tradicional.
Libros, xoguetes e roupa doada pola veciñanza buscan unha segunda vida aquí. Dende agrupación de baile tradicional agardan que a recadación diaria supere os 1.200 euros do ano ano pasado.
"Nós anualmente facemos un intercambio internacional. Este ano estivemos na illa de Madeira, o ano pasado estivemos nos Azores e estamos vendo a ver onde podemos ir este ano, lucir o noso folclore", di Silvia.
Unhas 90 persoas, de entre os 3 e 82 anos, integran esta asociación de música e baile tradicional de Cuntis.