Bernardino Graña, "o poeta do mar e do amor", falece en Nigrán aos 92 anos
Bernardino Graña, "o poeta do mar e do amor", falece en Nigrán aos 92 anos
Integrante do grupo Brais Pinto, tamén cultivou a literatura infantil e xuvenil, o teatro e a novela
A Real Academia Galega amosa o seu "fondo pesar" polo falecemento do escritor, membro numerario da institución
O poeta Bernardino Graña morreu aos 92 anos de idade en Nigrán. O escritor tamén cultivou a literatura infantil e xuvenil, ademais do teatro e a novela cunha nova visión da figura de Xesús lonxe da ortodoxia católica.
Nun comunicado, a Real Academia Galega (RAG) mostra o seu "fondo pesar" polo falecemento do "poeta do mar e do amor" que era membro numerario da institución.
"Bernardino era unha persoa moi querida dentro e fóra da Academia. Un poeta de enorme talento, cunha sensibilidade especial, extraordinariamente dotado para a lírica", subliña o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, editor dalgún dos seus libros e a quen lembra como un amigo "leal, alegre e cariñoso".
Freixanes remarca que "os seus grandes temas eran o amor, a ecoloxía, sempre na defensa dos valores da natureza, a alegría de vivir e unha inquebrantable lealdade á terra, a Galicia e moi especialmente á comarca do Morrazo e as rías".
"O mar de Cangas e o mar en xeral", resume.
Traxectoria vital e literaria
Nado en Cangas en 1932, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e converteuse nun autor recoñecido pola crítica e o público das letras galegas.
A paisaxe, a lingua, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que creceu deixaron unha forte pegada na lírica do autor.
Pasou a súa infancia entre Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia, na que foi compañeiro de pupitre de Xesús Alonso Montero.
De mozo incorporouse ao comité de redacción da revista de poesía de Vigo Alba, que dirixía Ramón González Alegre. Tras estudar Filoloxía Románica nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid, doutorouse cunha tese sobre Miguel Torga.
Como catedrático de Lingua e Literatura, exerceu en distintas localidades de diferentes lugares do Estado e de Galicia.
Grupo Brais Pinto
Gañador de varios certames de poesía das Festas Minervais nos anos 50 e 60, o seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir, foi publicado en 1958 por Brais Pinto, un grupo de mozos intelectuais galeguistas residentes naquel momento en Madrid, entre os que estaban Xosé Luís Méndez Ferrín ou Raimundo Patiño.
Profecía do mar foi publicado no 1966, "un dos libros máis nobres da poesía galega contemporánea", en palabras de Ferrín.
Despois chegaron obras como Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Sima-Cima do voar do tolo (1984), o telúrico Himno verde (1992), Ardentía. Obra poética completa (1995) e Luz de novembro (1997).
Se o noso amor e os peixes..., de 1980, un dos seus títulos máis celebrados, constitúe un dos mellores exemplos da poesía amorosa en lingua galega, onde inclúe o soado poema "Como hei vivir mañá sen a luz túa?".
A poesía de denuncia civil, o ecoloxismo, o poema de circunstancias en homenaxe a persoas amigas ou admiradas son outros temas frecuentes na súa obra.
Poemas convertidos en cancións
Varios dos seus poemas convertéronse en cancións da man de músicos como Suso Vaamonde, o dúo Mini e Mero e o grupo de rock cangués Astarot.
Nomeado fillo predilecto de Cangas en 2022, Graña foi un novelista tardío ao gañar o Premio Eixo Atlántico no 2006 co Protoevanxeo do neto de Herodes.