Minimelis, as lambetadas galegas con melatonina que axudan a durmir, xa se venden nos avións
Os doces, fabricados en Nigrán, figuran no catálogo dos voos de Iberia
Se durante un voo con Iberia botan unha ollada ao seu catálogo de produtos, poderán ver que hai uns doces con melatonina á venda que ademais de saber ben, non ter azucre e axudar a conciliar o sono de xeito natural, son cen por cento galegos. Chámanse mininolas e están revolucionando o concepto das lambetadas.
Despois de anos emigrados en Chile, Mercedes e Jorge, abriron a primeira tenda de todo o país, porque alí non había este produto. Chegaron a ter 25 locais. A lei contra a obesidade infantil levounos a ofrecer un doce baixo en calorías. Hoxe, xa en Galicia, en Nigrán, son os donos da empresa Minimelis que fabrica estas mininolas con vitaminas, ricas en fibra e froitas, sen azucre, sen gluten e sen lactosa e 100% galegas.
"Tiñamos varias dúbidas ao principio de se separarnos do mundo da lambetada e ser simplemente suplementos. Pero realmente non. Nós somos lambetadas. E o que queremos que sexan as nosas lambetadas é un método de transporte, un vehículo para eses principios activos que poden xerar unha saúde preventiva. E son moi ricas, moi ricas. E a quen lle amarga un doce", conta a TVG Jorge Núñez, o cofundador de Minimelis.
Desde o un de decembro de 2024 as mininolas con melatonina, un dos tantos produtos que cociñan desde Minimelis en Nigrán, están xa nos catálogos de todos os voos da aeroliña Iberia.
"Que mellor sitio que un avión con un voo moi longo para poder axudar a xente e que teñamos todos e todas voos máis tranquilos e relaxados. Iso parecíame que podía ter moito sentido. Iberia validou as lambetadas e empezamos a poder vendelas e xa se venden nos voos. A verdade é que para nós foi un soño, porque foi algo que loitamos moito, e cando es unha empresa pequena non é tan doado que te escoiten", engade Mercedes Toscano, a cofundadora de Minimelis.
O corazón de Minimelis é o seu laboratorio galego. Químicos, biólogos, enxeñeiros industriais que buscan a mellora das receitas dos doces do futuro, suplementos que saben ben e son saudables.