Cancelacións e atrasos no primeiro día de folga do persoal de Iberia no aeroporto de Santiago
Cancelacións e atrasos no primeiro día de folga do persoal de Iberia no aeroporto de Santiago
As aeroliñas foron avisando das cancelacións e a maior parte dos viaxeiros estaban avisados
O persoal de Iberia leva tempo denunciando unha excesiva carga de traballo
O persoal de Iberia está en folga no aeroporto de Santiago por sobrecarga de traballo. O paro está convocado pola sección sindical de UXT hoxe e mañá.
As aeroliñas foron avisando das cancelacións e a maior parte dos viaxeiros estaban avisados. Houbo quen foi reubicado noutros voos e mesmo trasladados de aeroporto. Outros buscaron alternativas. Notárono nos alugueiros de coches.
Canda as cancelacións, os viaxeiros sufriron atrasos. O persoal de Iberia leva tempo denunciando unha excesiva carga de traballo. Que, din, se volveu insoportable desde o 6 maio en que asumiron os voos de Peinador, pechado por obras.
Roberto Rivas, UXT Iberia Santiago: "En administrativos temos xente que mesmo marcha chorando, con quendas desde as cinco da mañá ata as seis da tarde. E abaixo, na rampla en carga e descarga estamos cargando avións só con dúas persoas".
Calculan que necesitan reforzar o cadro de persoal con 35 traballadores e din que a empresa ofrece oito. De momento non hai acordo e a folga seguirá mañá. Nunha xornada festiva en Galicia en que os que teñan billete reservado deben consultar coas compañías o estado dos seus voos.