Desconvocada a folga de emerxencias médicas en Portugal
Desconvocada a folga de emerxencias médicas en Portugal
O paro podería explicar a morte de 7 persoas que faleceron agardando por unha ambulancia
Os técnicos de emerxencias prehospitalarias de Portugal desconvocaron este xoves a folga de horas extra que mantiñan desde o 30 de outubro tras alcanzar un acordo co Goberno, que recoñeceu que a situación neste servizo era "grave".
Os problemas no servizo do Instituto Nacional de Emerxencias Médicas (INEM) rexistrados durante os últimos días levaron ao Ministerio de Sanidade a convocar unha reunión urxente co Sindicato de Tripulantes de Emerxencia Prehospitalaria , que reclamaba subidas salariais e unha revisión desta carreira profesional. Á saída do encontro, o presidente do sindicato, Rui Lázaro, informou de que asinaron un "protocolo negociador" co Goberno, polo que decidiron desconvocar a paralización.
A folga provocou atrasos na atención das emerxencias médicas en Portugal e medios locais aseguraron mesmo que, debido a esta demora, sete persoas morreron mentres esperaban a que as socorresen.
O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, sinalou en declaracións a xornalistas en Budapest que non teñen "a certeza" de que estas mortes ocorresen pola falta de capacidade de resposta do INEM ou o atraso na atención das chamadas. Aínda así, recoñeceu que "neste momento hai unha situación grave de necesidade de reforzo da capacidade de resposta" dese servizo.