O estudantado de Secundaria, Bacharelato e FP, en folga contra a PAU
O estudantado de Secundaria, Bacharelato e FP, en folga contra a PAU
O Sindicato de Estudantes organizou concentracións de protesta na Coruña, Ferrol e Ourense
Alegan que, a estas alturas, o alumnado de 2.º de Bacharelato aínda non sabe como serán as Probas de Acceso á Universidade
O Sindicato de Estudantes convocou unha folga xeral para este venres 11 de outubro para protestar contra a nova Proba de Acceso á Universidade (PAU) e tamén concentracións por toda España. En Galicia, están convocadas na Coruña, Ferrol e Ourense.
Segundo alegan nun comunicado, o alumnado de 2.º de Bacharelato aínda non sabe como serán as probas da coñecida como Selectividade, a "única información" da que dispón é que os exames se celebrarán os días 3, 4 e 5 de xuño.
"O Ministerio de Educación e as Consellerías educativas manteñen un silencio intolerable. En lugar de presentar os cambios e novidades antes de arrincar o curso, permitindo ao profesorado preparar ben os contidos académicos, e de garantir que o estudantado teña facilidades, atopámonos con que a principios de outubro aínda non sabemos nada", insisten.
No sindicato afirman: "O Ministerio e as Consellerías están a rir na nosa cara e están a xogar coa saúde mental e o futuro de decenas de miles de estudantes, engadindo aínda máis dificultades, máis estrés e máis incerteza a unha proba cuxa razón de ser é converter o acceso á Universidade nun privilexio de clase", afirman.
Piden "xuízo e castigo" para os policías que cargaron contra os estudantes en Murcia
O Sindicato de Estudantes aproveita esta xornada de folga e concentracións para denunciar as cargas policiais rexistradas nunha manifestación estudantil en Murcia, que cualifican de "brutalidade".
Esixen "xuízo e castigo" para os policías implicados na intervención e a súa "expulsión inmediata do corpo", e tamén a dimisión da Delegada do Goberno de Murcia e do Ministro do Interior Fernando Grande Marlaska. "Como é posible que se trate así a estudantes pacíficos?", pregúntanse. "Decenas de antidisturbios, pelotas de goma, porrazos e mozas en urxencias; así é como se responde ás lexítimas demandas estudantís?".
Ademais das concentracións nas cidades, o sindicato chama os estudantes de secundaria, bacharelato e FP a organizaren accións nos institutos.
Unhas probas máis centradas nas competencias
As novas probas de acceso á universidade estarán a partir deste curso máis centradas nas competencias dos alumnos. Haberá novos modelos de preguntas e uns criterios de corrección comúns a todas as comunidades. Pero a poucos meses dos exames os estudantes de bacharelato din que o novo modelo xera confusión. E reclaman na rúa máis transparencia.
"Unha proba que decide a vida estudiantil e laboral de moita parte da xuventude ainda non está publicada", di Sergio Freire. Portavoz do Sindicato de Estudiantes.
Os cambios adaptarán as probas de acceso á universidade á nova lei de educación. O goberno pide tranquilidade.
"Hai unha necesidade dos estudiantes de coñecer eses modelos e a min a información que me trrasladan é que chegarán nas próximas semanas", adianta Pilar Alegría, Ministra de Educación.
Galicia xa ten os deberes feitos. É unha das comunidades que ten publicadas as súas especificacións sobre os novos modelos de exame.
"Simplemento nun buscador saen moitos modelos xa. Están xa nos institutos e centros de secundaria. Galicia marcou pauta no bo sentido", explica Pedro Armas, da CIUGA.
O resultado é un modelo de exame que avanza na demanda da Xunta de Galicia o máis similar posible en todas as comunidades.
"Que Galicia fose a primeira comunidade que publicou en tempo e forma o modelos das probas serviu para dar tranquilidade aos alumnos, aos profesores e ás familias", asegura Román Rodríguez, Conselleiro de Educación.
As novas PAU avaliarán a reflexión e a capacidade critica dos alumnos.