A folga do transporte de viaxeiros provoca en Galicia cancelacións e atrasos ocasionais, tamén en buses escolares
A folga do transporte de viaxeiros provoca en Galicia cancelacións e atrasos ocasionais, tamén en buses escolares
A folga do transporte de viaxeiros provoca en Galicia cancelacións e atrasos ocasionais, tamén en buses escolares
O responsable de Mobilidade de UXT en Galicia, Martín Martínez, destacou o seguimento desta folga que convoca este sindicato xunto con CCOO para reclamar a xubilación anticipada no sector no ámbito estatal
A folga de transporte de viaxeiros rexistra un seguimento do 90 % en Galicia
Houbo un 17 % de incumprimento dos servizos mínimos, e a Xunta adianta que haberá sancións para as concesionarias en que non se respectaron
A folga no transporte de viaxeiros, convocada este luns en todo o Estado, provocou en Galicia algunhas cancelacións e atrasos ocasionais de liñas de autobuses urbanas e interurbanas, incluídas as escolares.
A folga tivo un seguimento maioritario en Galicia, segundo os dous sindicatos que a convocan (CCOO e UXT). De feito, na comunidade autónoma producíronse cancelacións e atrasos ocasionais de liñas de autobuses urbanas e interurbanas, incluídas as escolares, a pesar dos servizos mínimos do 100 % que establecera a Xunta. Nun comunicado, ambas as organizacións celebran o "éxito" deste paro.
O responsable de Mobilidade de UXT en Galicia, Martín Martínez, destacou o seguimento desta folga que convoca este sindicato xunto con CCOO para reclamar a xubilación anticipada no sector. Martínez subliña que, polo xeral, "soamente están a saír servizos mínimos" e, nalgún caso, tampouco estes se están cumprindo.
Martín Martínez tamén cualificou os mínimos impostos como "abusivos". Alén diso, cree que o seguimento puido ser aínda maior se a CIG, que non apoia a folga, non fixese a fin de semana un chamamento a que se fose traballar.
Incumprimentos nos servizos mínimos
A Xunta anunciou que abrirá expedientes sancionadores ás empresas concesionarias nas que se incumprisen os servizos mínimos.
E isto despois de detectar que, dos 2.233 servizos mínimos que se tiñan que prestar do ámbito autonómico, non inclúen os buses urbanos das cidades, salvo Ferrol e Pontevedra, segundo a orde publicada o venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), só se realizaron 1.853, o cal implica que houbo un 17 % de incumprimento.
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que é a que ten as competencias sobre mobilidade, sinala que esta porcentaxe de servizos que non operaron serían susceptibles de sanción por parte da empresa concesionaria salvo que se alegue unha causa xustificada, como a presenza de piquetes na orixe da viaxe.
A Coruña foi, segundo datos da Xunta, a provincia onde menos se cumpriron os servizos mínimos. Operaron o 69 %, e seguírona Pontevedra (80,14 %) e Lugo (99,4 %). No caso de Ourense, funcionaron ao 100 %.
Transporte urbano
No caso do transporte urbano de Santiago, o goberno local ratifica que á primeira hora houbo autobuses que non puideron saír pola presenza de piquetes que o impedían, aínda que si que permitiron operar as liñas que van cara aos hospitais.
Na Coruña, en cambio, non se detectaron apenas incidentes nin retencións especiais con motivo desta folga, tal e como aseguran fontes do Concello a Europa Press. O responsable de UXT apunta a que a participación no paro podería ser maior se non houbese uns servizos mínimos que considera "abusivos" e se a CIG, que non o apoia, non fixese a fin de semana un chamamento a que se fose traballar. "Polo tanto, estamos a loitar contra a patronal e contra outro sindicato por razóns absurdas", engade.
En Vigo non houbo incidencias destacables, aínda que a folga si que logrou un seguimento do 41 % en Vitrasa, tal e como informan fontes do Concello. Con todo, a mobilización puido percibirse nas rúas da cidade, onde se realizou unha das moitas manifestacións celebradas este luns por todo o país.
Os condutores reclaman un réxime especial de xubilación anticipada. "Levamos ao noso cargo moita responsabilidade e non podemos traballar nesas condicións cunha idade de 63 ou 64 anos", defende Iván Cancela, de UXT.
E piden diálogo para establecer coeficientes redutores pola penosidade e perigosidade do traballo.
"A aplicación desta medida leva moitos anos nun caixón. O goberno ten que sentar a negociar con patronal e sindicatos", reclama Sergio Blanco, de CCOO.
Os sindicatos agardan volver mañá mesmo á mesa de negociación para chegar a un acordo e evitar a próxima convocatoria de folga prevista para o 11 de decembro.