Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reabre a vella botica Cobián, de Ourense, logo de reformas para ampliar espazo

Reabre a vella botica Cobián, de Ourense, logo de reformas para ampliar espazo

Fundada en 1932 por un indiano na rúa do Paseo, posúe uns mobles antigos e unha vidreira que a fan única na provincia

O arquitecto Alberto de Paula deseñou o proxecto, que amplía o oco para o público mentres respecta o ambiente orixinal de comezos do século XX

G24.gal 28/10/2024 21:06

Tras catro meses de obras, a emblemática farmacia Cobián, situada na rúa do Paseo en Ourense, reabre as súas portas con aspecto renovado. A reforma mantén a esencia das boticas de comezos do século pasado.

"O primeiro obxectivo era gañar espazo para o público. Para iso desprazouse a vidreira, que foi preciso desmontar peza a peza. Desprazamos cara a atrás uns dez metros. Tivemos que desmontar cada cristal e cada peza de madeira. E logo volver montalas con moito coidado", comenta Alberto de Paula, arquitecto ourensán que dirixiu os traballos de reforma.

"Antes con tres persoas parecía que estaba chea a farmacia. Agora temos moito máis oco e estamos máis cómodos", apunta Carmen Morante, farmacéutica que rexenta o despacho na actualidade.

Na fachada descubriron guarnicións de madeira ocultas por lousas de mármore. Dentro, as vellas baldosas marcan a liña onde estaba o antigo mostrador. Reparar o chan foi un dos labores máis complexos. "As baldosas con este característico debuxo estaban no aire, a auga pasaba por debaixo e había uns desniveis de doce centímetros", sinala o arquitecto.

Propietarios e deseñador procuraron que os elementos máis senlleiros, mobles e a vidreira, volvesen lucir como en 1932, cando abriu a botica.

"A xente entra só para tocar os mobles, que bonitos!, din", afirma a farmacéutica.

"Os mobles son feitos no ano 1932 polos ebanistas Irmáns Rodríguez, moi famosos e prestixiosos na época. E a vidreira foi confeccionada na fábrica La Belga, con raíces viguesas", apunta Alberto de Paula.

Rehabilitouse tamén o antigo despacho do boticario. Fundada polo indiano Constantino Añel, retornado de Cuba, quen a abriu para que a rexentase seu fillo. Pero este non tiña esa vocación, así que foi adquirida máis tarde pola familia Fábrega, a quen lla mercou hai corenta e cinco anos a actual titular da farmacia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade