Publicador de contidos
Publicador de contidos

A detención de dous veciños de Ourense pecha a operación Sumidoirou e permite esclarecer 16 roubos na provincia

A detención de dous veciños de Ourense pecha a operación Sumidoirou e permite esclarecer 16 roubos na provincia

O total do diñeiro subtraído ascende a 4.200 euros e os danos causados valoráronse nuns 7.000 

Momento da detención dunha das sospeitosas. Garda Civil Momento da detención dunha das sospeitosas. Garda Civil
G24.gal 20/11/2024 10:38

A detención de dous veciños de Ourense permitiu á Garda Civil dar por concluída a chamada operación Sumidoirou e levou ao esclarecemento de 16 roubos con forza cometidos en establecementos da provincia.

Segundo informaron fontes da Comandancia, o pasado luns, nunha segunda fase dese operativo, o Equipo Roca da Garda Civil de Ourense detivo a un home de 36 anos de idade e a unha muller de 33 anos, como presuntos autores dun e catro delitos de roubo con forza, respectivamente.

Esta investigación, coordinada polo Xulgado de Instrución 3 de Ourense, iniciouse hai meses e a finais do marzo pasado, a Garda Civil informaba da detención de dous homes e dúas mulleres, veciños de Barbadás e Ourense, de idades comprendidas entre os 26 e os 34 anos, como presuntos autores dunha ducia de roubos.

Os sospeitosos utilizaban tapas de sumidoiro para romper as portas dos establecementos, e actuaron en gasolineiras, locais de hostalería e nunha panadería, localizados en diversos puntos da provincia de Ourense (Tamallancos, Taboadoela, O Pereiro de Aguiar, Allariz, Toén ou A Valenzá).

Nese momento o total do diñeiro subtraído ascendía a 4.200 euros e os danos causados valoráronse nuns 7.000 euros. Coas dúas novas detencións a Garda Civil dá por concluído o operativo, e considera aclarados un total de 16 roubos con forza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade