Detido pola Garda Civil tras intentar entrar no colexio Corvillón, en Cambados
Detido pola Garda Civil tras intentar entrar no colexio Corvillón, en Cambados
O individuo, alterado, intentaba entrar nas instalacións das que era totalmente alleo
Un policía local sufriu unha grave lesión na perna
O pasado luns, ás oito e media da mañá, un home comezou a berrar mentres tentaba entrar ás instalacións do colexio público Corvillón, en Cambados. O propio persoal docente tentou mediar, pero coa chegada da Policía Local o individuo púxose máis nervioso e a tensión foi medrando. Segundo testemuñas, o individuo estaba xa de por si alterado e comezou a berrar, de aí que reclamaran a presenza dos axentes. Os feitos tiveron lugar media hora antes da entrada do alumnado ao centro
Mentres forcexaban, o home caeu enriba dun dos policías locais. Os seus gritos de dor evidenciaban unha forte lesión na perna, cunha fractura do peroné e a rotura de ligamentos. Foi operado na tarde do propio luns. Pola súa banda, o individuo, que vive nun casa próxima ao centro educativo, foi finalmente detido pola Garda Civil.
"A semana pasada xa aconteceu algo similar", declara un dos pais que se estaba presente no momento da liorta. "A Garda Civil estivo presente e o home parecía algo desorientado".
Aínda que de momento estes dous casos parecen illados, o certo é que a veciñanza da zona leva tempo queixándose dos movementos constantes nesta vivenda. Afirman que moitos dos que a frecuentan teñen pelexas entre eles e déixanse ver no parque ao carón do colexio Corvillón.
Pola súa parte, os pais e nais do alumnado afirman que non se adoitan meter con ninguén, polo menos cos que simplemente pasan por aí, coma eles. Con todo, si que declaran a intranquilidade polo que poda pasar. É por iso que a Garda Civil e a Policía Local de Cambados intensificarán estes días a súa presenza na zona, especialmente á entrada e saída do alumnado deste centro escolar.