Fin de semana negra nas estradas de Cataluña con oito falecidos en 48 horas
Fin de semana negra nas estradas de Cataluña con oito falecidos en 48 horas
Dous mortos en Xirona, atropelados por un camión que transportaba porcos
Unha colisión múltiple causada polo desprendemento dunha narcolancha en Cartaxena deixa dúas vítimas
Nas estradas de Cataluña, fin de semana negra con oito mortos en 48 horas. Entre o sábado e o domingo morreron en accidente de tráfico máis persoas que en todo o mes de setembro.
Tamén houbo vítimas mortais, tres concretamente, noutros dous accidentes rexistrados un en Murcia e outro en Almería.
Dúas persoas morreron no accidente ocorrido na noite do sábado en Cartaxena, Murcia. Foi un choque múltiple no que se viron implicados oito vehículos. Causouno o desprendemento dunha zodiac do remolque que a transportaba. Segundo a garda civil, a zodiac era unha narcolancha e os condutores do coche que a levaba fuxiron. As vítimas mortais son dúas mulleres de 40 anos. Ademais, outras seis persoas quedaron feridas.
No accidente de Almería o falecido é un motorista que bateu contra un coche na autovía A-7. Segundo contaron varias testemuñas, a moto, de gran cilindrada, circulaba en sentido contrario. Os dous ocupantes do coche co que bateu só teñen feridas leves.
E en Cataluña, coincidindo co día mundial en recordo das vítimas de tráfico, a fin de semana saldouse con oito falecidos en varios accidentes.
En Vilablareix, Xirona, un turismo bateu contra un camión pequeno na autoestrada A-7. Os ocupantes dos dous vehículos baixaron á beira da vía e nese momento atropelounos un camión que transportaba 200 porcos. Morreron os dous ocupantes do turismo.
En Cambrils, Tarragona, dous mozos de 20 e 25 anos morreron ao írselles da vía o coche no que viaxaban. Outros dous ocupantes están feridos, un en estado crítico e outro de gravidade.
En Tarragona houbo ademais outros dous accidentes nos que morreron dous motoristas.