Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso tomba o imposto á banca e ás enerxéticas, pero aproba a suba do IRPF ao aforro

O Congreso tomba o imposto á banca e ás enerxéticas, pero aproba a suba do IRPF ao aforro

A votación sobre o mantemento do imposto á banca acabou en empate, pero non saíu adiante polo voto ponderado

EFE EFE
G24.gal 18/11/2024 19:45

A Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados aprobou este luns a suba de dous puntos porcentuais do IRPF para a rendas do aforro superiores a 300.000 euros, do 28 % ao 30 %, pero tombou o mantemento do imposto á banca coa abstención de ERC, Bildu e BNG.

A comisión, na que se negociou e se intercambiaron emendas ata o último minuto, tamén aprobou baixar o imposto de sociedades ás cooperativas e empresas que facturan menos dun millón de euros e unha mellora da tributación das actividades artísticas. Tamén deron luz verde a unha bonificación das cotas á Seguridade Social para os clubs e asociacións deportivas sen ánimo de lucro.

O mantemento do imposto á banca estivo no aire ata o último momento, chegouse a rexistrar un texto alternativo, pactado por PSOE, Sumar e Junts, no que se incluía un tramo adicional, e produciuse, mesmo, un empate a votos (debido á abstención de ERC, EH Bildu e BNG), aínda que finalmente o texto caeu polo voto ponderado.

Estas iniciativas quedaron incorporadas ao proxecto de lei que establece un tipo mínimo do imposto de sociedades do 15 % para as multinacionais, que aínda está pendente de votación na Comisión de Facenda, do mesmo xeito que o resto do paquete fiscal do Goberno e das emendas presentadas polo resto dos grupos.

Nas votacións de emendas o PSOE logrou aprobar as súas propostas para gravar aos vapeadores, subir o IVE aos apartamentos turísticos, loitar contra a fraude dos hidrocarburos, mellorar a tributación dos artistas ou reformar o Imposto de Sociedades para contrarrestar a sentenza do Tribunal Constitucional que declarou a nulidade parcial dunha reforma sobre este tributo que executou o exministro de Facenda, Cristóbal Montoro.

Ademais, os socialistas impediron que saísen adiante as propostas de socios de esquerda como Sumar, Podemos, ERC, BNG ou EH Bildu para reeditar o imposto ás enerxéticas, sumando os seus votos aos de PP e Vox.

O debate na comisión desenvolveuse nun ambiente de forte tensión e desconcerto, con recesos, longas discusións técnicas e mostras de confusión por parte de todos os grupos parlamentarios sobre o que se estaba votando. As emendas rexeitadas poden quedar vivas e, por tanto, volver ser debatidas e votadas no Pleno que se celebrará o vindeiro xoves.

As negociacións prologáronse ata ben entrada a noite, xa que o PSOE non contara con apoios suficientes e sufrira varias derrotas na votación das emendas.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade