Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno apraza ao luns a votación do paquete fiscal pola falta de apoios no Congreso

O Goberno apraza ao luns a votación do paquete fiscal pola falta de apoios no Congreso

Os socios parlamentarios cruzan vetos a conta do imposto extraordinario ás empresas enerxéticas

O PSOE avoga por un equilibrio entre as diferentes posturas do bloque de investidura

A Comisión de Facenda prevista para este xoves adíase ata a semana que vén

María Jesús Montero, ministra de Facenda, esta mañá no Congreso dos Deputados
G24.gal 14/11/2024 14:53 Última actualización 14/11/2024 15:34

Este xoves pola mañá, a ministra María Jesús Montero non soltaba o teléfono tratando de conseguir o apoio dos socios habituais na Comisión de Facenda convocada para a tarde. Ante a falta de apoios, e para gañar tempo, finalmente o Goberno conseguiu aprazala ata o vindeiro luns.

O proxecto de lei en si é a transposición dunha directiva europea, que establece un imposto mínimo do 15 % para as multinacionais. Pero o Goberno quere aproveitar a súa tramitación para sacar adiante, nas emendas, todo un paquete de reformas fiscais: dende a suba do IVE ao 21 % para os pisos turísticos ata a retirada das exencións aos seguros médicos privados.

Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno, apunta que o Estado necesita "recursos públicos, hoxe máis ca nunca porque volvemos vivir unha catástrofe ambiental sen precendentes".

Nese paquete tamén se prorroga o imposto extraordinario á banca, pero elimínase o das empresas enerxéticas, como pediron o PNV e Junts. Nos corredores do Congreso, Míriam Nogueras daba o paquete por "pechado", amosando a súa vontade de non mover unha coma do seu pacto co PSOE.

Pero os outros socios, os de esquerdas, van en dirección contraria: queren facer permanente o imposto ás eléctricas. Para Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso, "non debería custar tanto algo tan sinxelo de entender, que aqueles que máis contaminen teñan impostos especiais, sobre todo coa que está caendo".

E con tanto veto cruzado, os socios empezan a descartar esa reforma fiscal anexa e piden cinguirse ao tipo mínimo para as multinacionais. Para o PNV e EH Bildu esa podería ser a solución ao actual bloqueo. Tamén o PP avoga por aprobar o acordado en Bruxelas e deixar de lado as subas de impostos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade