ERC, Bildu e Podemos tombarán o paquete fiscal proposto polo Goberno se non se mantén o imposto ás eléctricas
ERC, Bildu e Podemos tombarán o paquete fiscal proposto polo Goberno se non se mantén o imposto ás eléctricas
ERC, Bildu e Podemos tombarán o paquete fiscal proposto polo Goberno se non se mantén o imposto ás eléctricas
O PSOE pactou con Sumar a supresión do imposto ás empresas enerxéticas a cambio doutros gravames como a suba do IVE ao 21 % para o pisos turísticos
Primeiro, Facenda tivo que contentar o PNV e Junts retirando do novo paquete fiscal o imposto ás empresas enerxéticas, que si quería manter o socio da coalición. Finalmente, Sumar cedeu a cambio de incluír outros gravames: aos bens de luxo, aos vapeadores, un IVE do 21 % ás vivendas turísticas, e renóvase, ese si, o imposto á banca.
A voceira adxunta de Sumar no Congreso, Aina Vidal, apunta que o acordo "non é especialmente ambicioso", pero si "correcto".
Sumar asegura que é un acordo "de mínimos" e que non renuncian a que finalmente se inclúa o imposto ás enerxéticas. Critican ademais o PSOE por non negociar primeiro cos aliados de esquerdas. Txema Guijarro, secretario do grupo confederal, asegurou, en conferencia de prens, que el "empezaría doutra maneira, non empezaría por Junts nin polo PNV".
De feito, ERC, EH Bildu e Podemos critican a pouca vontade do PSOE de negociar con eles a reforma fiscal. O deputado abertzale Oskar Matute dixo que "non se produciu nin a reunión" pero que, en calquera caso, a súa posición "é clara, non se vai mover de aí".
Tamén Javier Sánchez Serna, voceiro de Podemos, insistiu en que se a nova reforma fiscal elimina o imposto ás eléctricas, votarán en contra.
Para Gabriel Rufián, de ERC, os socios da coalición "cren que co malmenorismo, que vén a dereita e a ultradereita, van seguir gobernando".
A pesar das críticas e dos vetos cruzados, o PSOE mantén o optimismo. Para o seu voceiro parlamentario, Patxi López, trátase dun paquete de fiscalidade "progresiva e progresista" e amosouse "convencido" de que poderán chegar a un acordo cos socios.
Verase este xoves se dan os números, cando o paquete fiscal se vote na comisión de Facenda do Congreso.