Publicador de contidos
Publicador de contidos

O pleno de Marín avala o proceso para nomear á princesa Leonor filla adoptiva, co rexeitamento do BNG

O pleno de Marín avala o proceso para nomear á princesa Leonor filla adoptiva, co rexeitamento do BNG

Será a primeira muller á que o Consistorio outorga esta distinción, que tamén ten o seu pai, o rei Filipe VI

A Princesa Leonor, na Escola Naval de Marín. (Casa de S.M. o Rei - Arquivo) A Princesa Leonor, na Escola Naval de Marín. (Casa de S.M. o Rei - Arquivo)
G24.gal 14/11/2024 21:41

O pleno do Concello de Marín (Pontevedra) acordou este xoves, co único rexeitamento do BNG, dar luz verde ao comezo do expediente para nomear á princesa Leonor de Borbón e Ortiz como filla adoptiva da localidade, polo que se converte na primeira muller á que o Consistorio outorga esta distinción.

A alcaldesa, María Ramallo, destacara antes do pleno que Marín ten un forte vínculo establecido coa Casa Real por ser sede da Escola Naval Militar, na que a princesa, como así o fixo no seu día o seu pai, o rei Felipe VI (que tamén ten este recoñecemento), realiza unha parte da súa formación castrense.

"Ese vínculo marca toda a súa traxectoria, así como o que lle une a outras cidades nas que se formou e formará", dixo a rexedora, que sostivo que como Concello "é un orgullo, como xa o foi no seu día co actual rei, poder outorgar esta distinción".

O expediente vaise publicar no taboleiro de anuncios do Concello e na sede electrónica para a súa consulta pública. Despois, aprobarase definitivamente o expediente e marcarase unha data para o acto de nomeamento, un acto que, segundo indicou, é de "moita importancia para o Concello".

"Poder participar nunha academia de alto rendemento como é a Escola Naval, que tamén é campus da Universidade de Vigo, tal e como está a facer a princesa e todos os seus compañeiros e compañeiras de promoción, é un privilexio ao que se chega con moito esforzo e dedicación académica", engadiu a rexedora.

O BNG non se sente identificado

No transcurso do pleno, a portavoz local do BNG, Lucía Santos, xustificou o rexeitamento da súa formación a esta proposta e esgrimiu que "non todos os marinenses" se senten identificados con esta decisión que si apoiaron populares e socialistas.

"Formamos parte dun bo número de marinenses que non nos vemos reflectidos nesa proposta. A ninguén lle sorprenderá que o BNG é unha organización nacionalista, laica e republicana. É público o noso rexeitamento á imposición da dinastía borbónica por parte de Franco e a consagración dunha Monarquía anacrónica nunca sometida a un escrutinio popular", esgrimiu.

Rememorou os argumentos que en 1986 deu o BNG para votar en contra desta distinción para o pai da princesa Leonor e esgrimiu que os nacionalistas non teñen "nada en contra" da nova, pero non consideran que teña ningún "mérito" máis aló do seu paso circunstancial pola localidade.

Pola súa banda, a alcaldesa defendeu a legalidade do regulamento, co que se nomearon "numerosos" fillos adoptivos e predilectos, "moitos votados polo BNG". Tampouco quixo entrar en máis "polémicas" e concluíu que os populares estarán "en calquera homenaxe para falecidos no mar", por exemplo. "Pero agora non estamos a abordar unha cuestión xenérica", resolveu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade