San Xoán de Río convértese na capital ibérica da prevención de lumes forestais
San Xoán de Río convértese na capital ibérica da prevención de lumes forestais
O Concello foi elixido pola Comisión Europea para acoller as reunións pola súa orografía e as súas experiencias
Os especialístas apuntan ao despoboamento rural como causa dos incendios forestais
San Xoán de Río convértese estes días na capital da Península Ibérica na loita contra o lume e a prevención de incendios forestais.
Expertos de toda España e Portugal analizan a problemática que hai detrás dos incendios nos montes e os mellores xeitos de combatelos e evitalos.
Este pequeno concello foi elixido pola Comisión Europea para acoller as reunións pola súa orografía e as súas experiencias.
Evitar os incendios forestais pasa por ter o monte limpo e, sobre todo, cultivado. Pero, para iso, é preciso frear o despoboamento. É a principal conclusión do grupo de especialistas da parte atlántica da Península Ibérica que se reúnen estes días en San Xoán de Río.
"Estes proxectos fanse na base de que o monte que está cultivado e non está abandonado non arde", di Miguel Pérez, alcalde de San Xoan de Río
Aínda que o encontro abrangue zonas tan diferentes en clima e orografía como O Algarve, Estremadura ou Galicia, hai problemas comúns e solucións que poden ser comúns.
"Moitos dos lumes son culpa do home. Hai que sensibilizar a sociedade e hai fondos para esa cooperación interrexional", explica Juanma Armada, da Fundación Finnova
"Hai que promover encontros profesionais para a prevención de incendios forestais", opina Juan Antonio Rosa, da Junta de Andalucía
Os graves incendios de hai dous meses en Portugal ou as riadas que se derivan da deforestación foron analizados no encontro. Uns problemas que se poden atenuar cuns montes ordenados e traballados.
"Só cunha economía forte arredor do monte podemos combater a desertificación e o risco de lume", aclara Pedro Chaves, da Comunidade Intermunicipal do Algarve
Este encontro en San Xoán de Río nace coa vontade de continuar no tempo e compartir experiencias con máis zonas de Europa.