Os Reis, a princesa de Asturias e a infanta visitan Sotres, galardoada como Vila Exemplar 2024
Os Reis, a princesa de Asturias e a infanta visitan Sotres, galardoada como Vila Exemplar 2024
O recoñecemento forma parte dos Premios Princesa de Asturias
Sotres, no corazón dos Picos de Europa, onde se mestura tradición e innovación
A familia real visitaba a localidade asturiana de Sotres, no concello de Cabrales, recoñecida como Vila Exemplar 2024, dentro dos Premios Princesa de Asturias.
Os Reis, coa princesa Leonor e a infanta Sofía foron saudando, conversando e sacando fotos cos habitantes desta vila, que os agardaban con moita expectación. A familia real recibía obsequios típicos do lugar.
Representantes da asociación de veciños e os guías de montaña acompañaron os reis pola zona. Subían ata o miradoiro da Serra Amor. Desde alí puideron gozar das vistas do macizo oriental e central dos Picos de Europa e posaron para a lembranza deses impresionantes cumios.
Visitaron unha exposición sobre o pasado mineiro de Sotres e interesáronse por moitas das tradicións da vila. Coñeceron o proceso de elaboración artesanal do queixo de Cabrales e visitaron unha das covas onde maduran os queixos.
Posaron tamén coas autoridades xunto á placa conmemorativa do recoñecemento como Vila Exemplar.
Finalmente chegaba o momento da entrega oficial do premio, cando o rei Filipe VI e a princesa Leonor tiveron palabras de eloxio á vila e ás súas xentes.
"Sodes este ano con todo merecemento a Vila Exemplar de Asturias, non só por esta magnífica contorna natural, tamén por vós, polo voso espírito de comunidade", dixo Filipe VI.
"Vivir nunha vila de alta montaña é un desafío constante, polos servizos que necesitades e demandades e pola xestión sostible da economía dos vosos recursos", destacou a princesa Leonor.
Sotres, situada na Reserva da Biosfera e Parque Nacional dos Picos de Europa, atópase a 1.050 metros de altitude. Conta con só cento oito habitantes e recibe o galardón por conservar e impulsar nun espazo de alta montaña unha actividade tradicional de base gandeira extensiva e sostible, complementada cunha industria agroalimentaria especializada na elaboración do queixo Cabrales. Todo iso unido ao turismo e á preservación do patrimonio e da paisaxe.