Publicador de contidos
Publicador de contidos

Velázquez inspira a Leibovitz nos retratos dos reis para o Banco de España

Velázquez inspira a Leibovitz nos retratos dos reis para o Banco de España

Don Filipe viste o uniforme de gala do Exército de Terra e dona Letizia un vestido negro de tul de seda plisado e unha capa de gala de seda rosa do deseñador Cristóbal Balenciaga

Este díptico dos reis está impreso con tinta de secado UV (proceso fotoquímico de baixa temperatura) sobre lenzo de poliéster imprimado.

ANNIE LEIBOVITZ / BANCO DE ESPAÑA
G24.gal 26/11/2024 12:40 Última actualización 26/11/2024 13:41

O Banco de España desvelou este martes os retratos dos reis de España que encargou a Annie Leibovitz, un díptico en que don Filipe viste o uniforme de gala do Exército de Terra e dona Letizia un vestido negro de tul de seda plisado e unha capa de gala de seda rosa do deseñador Cristóbal Balenciaga.

Durante cinco horas, os reis posaron para a fotógrafa Annie Leibovitz (Estados Unidos, 1949) o pasado 7 de febreiro no salón de Gasparini do Palacio Real de Madrid e o resultado lembra a Las Meninas, de Velázquez.

Seis meses de preparativos, centos de disparos, catros persoas traballando xunto á prestixiosa fotógrafa Annie Leibovitz e máis de cinco horas de sesión, cun descanso para comer, deron como resultado un díptico de gran tamaño en que os reis de España aparecen nunha composición ao estilo de Velázquez.

Este díptico dos reis, cuxas imaxes se fixeron públicas este martes ás 13:00 horas, está impreso con tinta de secado UV (proceso fotoquímico de baixa temperatura) sobre lenzo de poliéster imprimado.

"Son uns retratos moi pictóricos en cuxa composición atopamos alusións a Velázquez retratista de corte", explicou este luns a EFE Yolanda Romero, comisaria da exposición La tiranía del Cronos, en que se atopan enmarcadas estas imaxes. O pintor español era capaz de crear a ilusión no espectador de entrar ou asistir á escena, "un feito que tamén aparece nas imaxes de Leibovitz, que é o que primeiro impacta das fotografías reais".

A composición do díptico analízase en dúas partes: na primeira, o rei Filipe VI viste o uniforme de gala do Exército de Terra e rodéano todos os elementos do retrato clásico "desde o espello, á mesa, unha lámpada de araña ou unha porta aberta con cortinas", explicou Romero.

Sobre a guerreira loce a faixa de seda de cor vermella de capitán xeneral, varias condecoracións, e cruzada sobre o peito a banda da Gran Cruz da Orde de Carlos III.

Na segunda, a raíña entra na cámara, asolagada de luz natural, "desposuída da diadema real e a banda de Carlos III", engadiu a comisaria. As fotografías, de gran tamaño: 223,52 x 170,18 cm cada unha, mostran os reis coa pompa, o boato e o esplendor palaciano da estirpe Borbón.

Como complementos, a raíña Letizia loce un colar de chatóns -xoia que o rei Alfonso XIII regalou á súa esposa Victoria Eugenia de Battermberg-, pendentes de brillantes e anel no dedo índice, da firma contemporánea Coreterno, unha peza que leva inscritas as palabras "Amor che tutto move" (o amor todo o move).

"Annie Leibovitz traballou con plena liberdade", asegurou a comisaria, quen contou que, aínda que dona Letizia posou con varias xoias, a fotógrafa decidiu "romper o protocolo e desposuíu" a raíña da diadema.

Letizia sempre posou coa mesma roupa do mestre de Getaria, que elixiu ela, "pero coas directrices que lle marcou Annie Leibovitz". Ao longo da sesión, tanto Filipe VI como a raíña Letizia posaron de multiples maneiras.

"O monarca levou tres tipos de roupa distintos, o uniforme, un chaqué e un frac", sinalou Romero. Disparou centos de fotografías. "Annie Leibovitz é moi meticulosa, fixo moitas probas e elixiu ata os marcos", dixo Romero quen detalla que se barallaron varios escenarios, entre eles os exteriores do Palacio Real.

"Son obras moi pictóricas, envolventes, realizadas en tea, impresas en Estados Unidos e de edición única", explicou Romero quen considera que a fotógrafa soubo recoller a tradición e renovala.

"Unha obra en que Leibovitz soubo recoller a tradición do retrato institucional español", subliñou Romero, que ademais de comisaria da exposición é conservadora da colección de pintura do Banco de España.

Este díptico dos reis é o primeiro retrato do Banco de España en que se utilizou a fotografía, e sumarase á colección desta institución que reflicte a súa historia desde a súa creación, en 1782, por iniciativa do rei Carlos III, cando naceu como o Banco de San Carlos.

Estas fotografías estarán na galería real xunto aos retratos de Carlos III realizado por Goya; o de Carlos IV de Mariano Salvador Maella; o Isabel II, de Federico de Madrazo, o de Alfonso XIII, pintado por José Villegas e Cordero ou máis recente, o dos reis  Xoán Carlos I e Sofía realizado por Carmen Laffón.

Os retratos, que tiveron un custo de 137.000 euros, realizáronse con motivo do décimo aniversario do reinado de Filipe VI, que se conmemora o próximo 19 de xuño, ao que se engaden os 20 anos de matrimonio, que se cumprirán o próximo maio.

O contrato coa afamada fotógrafa estadounidense tamén incluía o retrato do anterior gobernador Pablo Hernández de Cos, cun custo de 79.000 euros, que foi presentado neste mesmo acto. O díptico dos reis poderá verse na exposición La tiranía del Cronos, que estará aberta ao público do próximo 27 de novembro ao 29 de marzo de 2005, previa reserva de invitacións, na sala de exposicións do Banco de España.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade