Pleno de derrotas na xornada da Liga Feminina de baloncesto
Pleno de derrotas na xornada da Liga Feminina de baloncesto
O Ensino caeu na prórroga diante do Ardoi (70-72)
Derrotas claras do Baxi Ferrol na pista do Gernika (70-57) e do Celta Zorka diante do Valencia
Os tres equipos galegos perderon na xornada do xoves da Liga Feminina de baloncesto. O Durán Maquinaria Ensino foi o que estivo máis preto do triunfo pero acabou caendo na prórroga diante do Ardoi. Encamiñou o partido no terceiro cuarto (46-34) pero cometeu demasiados erros que lle permitiron ao cadro visitante meterse no partido. O acerto de Howard conseguiu forzar a prórroga (62-62) pero no tempo suplementario o Ardoi estivo letal cun parcial de 0-8. Cando quixo reaccionar o Ensino era demasiado tarde e perdeu 70-72 logo de fallar un último ataque no que mesmo puido gañar o partido.
Derrota do Baxi Ferrol
O Baxi Ferrol perdeu na pista do Gernika por 70-57. Non foi un bo partido do equipo ferrolán que comezou por debaixo no primeiro cuarto (15-9) con malas porcentaxes de tiro, algo que arrastrou todo o partido. Ao descanso aínda estaba no partido (30-23) pero as opcións desapareceron cando ao comezo do último período se puxeron dezaseis abaixo (57-41).
Impúxose o poderío do Valencia Básket
O Valencia Básket cumpriu os prognósticos e impúxose na pista do Celta Femxa Zorka (52-82). A calidade e a ampla rotación do equipo valenciano foi minando a resistencia dun Celta que perdía ao descanso por dezasete puntos (20-37), unha diferenza que aumentou no terceiro período (38-66) no que pecharon o partido.