O Deportivo ABANCA recibe o Barcelona na primeira xornada
O Deportivo ABANCA recibe o Barcelona na primeira xornada
O conxunto adestrado por Irene Ferreras disputará o primeiro partido da Liga F ante as vixentes campioas
As herculinas volven á elite do fútbol feminino logo de ascender a tempada pasada
O R. C. Deportivo ABANCA volta á Liga F e farao ao grande. O equipo coruñés recibirá o F. C. Barcelona, vixentes campioas de España e Europa e que contan con xogadoras do talle de Aitana Bonmatí ou Alexia Putellas.
As xogadoras de Irene Ferreras acadaron o ascenso á elite do fútbol feminino no anterior curso e agora disputarán a súa terceira tempada na máxima categoría. Non será un comezo doado, nin tampouco o final. O Deportivo pecha a tempada visitando ao Madrid CFF ao que adestra o galego Juanjo Vila.
O conxunto herculino está a preparar a súa volta aos terreos de xogo e o equipo amosa boas sensacións. Malia as derrotas ante o S. C. Braga e o Spórting CP, as deportivistas lograron a vitoria no Teresa Herrera ante o Athletic de Bilbao (2-1), e veñen de gañarlle ao Eibar con idéntico resultado.