Morren tres traballadores dunha empresa de Carballo nun accidente de tráfico no Bierzo
Morren tres traballadores dunha empresa de Carballo nun accidente de tráfico no Bierzo
A furgoneta en que viaxaban chocou de fronte cun camión na N-VI
Os falecidos tiñan 29, 43 e 49 anos, e un compañeiro de 19 anos quedou ferido grave
A Garda Civil investiga as circunstancias do accidente de tráfico en que faleceron tres traballadores dunha empresa de pinturas de Carballo. Ocorreu pasadas as nove da mañá deste luns na nacional VI no Bierzo, á altura do concello de Carracedelo. A furgoneta na que ían catro homes chocou de fronte cun camión.
"Cando chegamos atopamos catro persoas atrapadas no interior do turismo. Foi moi complicado sacalas. Tivemos que romper o coche, cortar por todas partes para poder liberar as persoas que estaban dentro", explica Danin Fernández, dos Bombeiros de Ponferrada.
Un dos ocupantes da furgoneta, un mozo de 19 anos, estaba ferido grave e foi evacuado en helicóptero ao hospital de León. Pero os tres compañeiros faleceran. As vítimas mortais son un veciño de Carballo de 49 anos, un veciño de Coristanco de 43, que deixa catro fillos, e un home de orixe suramericana, de 29 anos, cuxa identidade non transcendeu. A el e ao ferido grave recolléranos pouco antes os compañeiros na zona de Valdeorras.
"O condutor do camión en principio non tiña lesións graves. Foron todos os ocupantes da pick up os que sufriron o peor do impacto", relata o bombeiro.
A noticia causou conmoción en Bergantiños, de onde eran dúas das vítimas. Pertencían a unha empresa do polígono de Bértoa que fai traballos de pintura industrial sobre todo en parques eólicos ou torres eléctricas. O accidente ocorreu cando se desprazaban para encargarse dun proxecto.