Ano negro nas estradas galegas, con 83 falecidos no que vai de 2024
Ano negro nas estradas galegas, con 83 falecidos no que vai de 2024
Destacan o aumento dos choques frontais e das mortes de motoristas
Tráfico amosa a súa preocupación e pide extremar a prudencia ao volante
O condutor que faleceu en Cenlle este mércores ao chocar cun camión é a última das 83 vítimas mortais deste ano nas estradas galegas. Días antes, dous mozos perdían a vida en Vedra nunha colisión frontal, a máis violenta e a que máis aumentou, de 4 falecidos en 2023 a 16 no que vai deste.
"É o encontro frontal ou frontolateral de dous vehículos. Aínda que vaian á velocidade que marca a vía, a velocidade de ambos os coches súmase, son accidentes dunha violencia extrema", explica María Victoria Gómez Dobarro, xefa provincial de Tráfico na Coruña.
Preocupa tamén o número de motoristas falecidos este ano, nove máis que no anterior. Ademais medraron os accidentes graves de persoas de mediana idade. As causas non adoitan ser únicas.
"Velocidade, distraccións por atender a dispositivos tecnolóxicos ou por pensar noutras cousas, preocupacións, estrés, fatiga...", engade a xefa provincial de Tráfico.
Distraccións agravadas polo consumo de alcol e drogas que fan que, en décimas de segundo, todo cambie para sempre. Semella que os condutores están a baixar a garda, e non só en Galicia.
"No resto de países da Unión Europea está pasando o mesmo. En países moi punteiros en seguridade viaria como Dinamarca ou Suecia están tendo un estancamento ou un incremento no numero de vítimas. Hai certo desconcerto por este tema", di María Victoria Gómez Dobarro.
A precaución segue a ser o mellor consello para previr máis traxedias ao volante, sobre todo agora que se aproximan o mal tempo e os desprazamentos de Nadal.