Os sons do galego Abraham Cupeiro resoan nos cines en 'Gladiator II'
Os sons do galego Abraham Cupeiro resoan nos cines en 'Gladiator II'
"Sobre as imaxes que me pedían ía improvisando. Fun xerando liñas melódicas e atmósferas sonoras que utilizou na película. Os dous máis importantes son o carnyx celta, unha trompeta de guerra, e o corno romano, difíciles de atopar", explica Cupeiro
O equipo musical de Ridley Scott desprazouse desde Hollywood ata Friol para grabar as composicións de Cupeiro para esta superproducción
O músico galego xa participara en bandas sonoras de películas de Spielberg ou Anthony Hopkins
A música de Abraham Cupeiro resoa xa na banda sonora da película Gladiator II. Por culpa dunha axenda que neste ano suma máis de 120 concertos en puntos tan dispares coma Tasmania ou Toronto rexeitou inicialmente a proposta de participar no filme, pero querían contar con el e desprazáronse dende Hollywood un estudo de gravación na localidade luguesa de Friol.
O son da fula é unha das atmosferas sonoras que resoan na película, e detrás esta el, o músico galego Abraham Cupeiro.
"Constrúo máquinas do tempo, que son instrumentos musicais de hai milleiros de anos que crearon os nosos antepasados e os traio ao auditorio do século XXI", afirma.
Dende a superprodución de Hollywood descubriron este músico lugués polas redes sociais e engaioláronse dos seus instrumentos antigos que evocaban a antiga Roma.
"Coñecín a Abraham a través das redes sociais", di Harry Gregson Williams, compositor de cine.
"Recibín un correo do compositor pedíndome se quería gravar na película desprazándome aos Ángeles. A verdade é que non podía. Entón propúxome vir el ata aquí.", explica Cupeiro.
Sen partituras de por medio, o músico galego fixo a súa particular maxia.
"Sobre as imaxes que el me pedía eu ía improvisando. Fun xerando unhas liñas melódicas e atmosferas sonoras que utilizou na película. Os dous máis importantes son o carnyx celta, unha trompeta de guerra, e o corno romano, difíciles de atopar", explica.
Non é a súa primeira incursión na gran pantalla, xa o fixo en filmes de Steven Spielberg ou Anthony Hopkins. Agora, a súa colaboración con Ridley Scott e a película de Gladiator II xa se pode ver e escoitar nos cines.