Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuízo a Depardieu por abuso e agresión sexual aprázase ata marzo polos seus problemas de saúde

O xuízo a Depardieu por abuso e agresión sexual aprázase ata marzo polos seus problemas de saúde

Depardieu alegara que está enfermo para pedir un atraso do seu xuízo por agresión e abuso sexual

O avogado do actor di que Depardieu "quere expresarse" e que para el é "moi importante" prestar declaración

O actor Gerard Depardieu en Berlín en 2023 (Arquivo Europa Press) O actor Gerard Depardieu en Berlín en 2023 (Arquivo Europa Press)
G24.gal 28/10/2024 08:47

 O xuízo a Gérard Depardieu por agresións e abusos sexuais a dúas traballadoras dunha rodaxe aprazouse este luns ata o 24 e 25 de marzo debido aos problemas de saúde do actor, anunciou o tribunal.

O tribunal aceptou a petición do avogado do intérprete, que solicitara un atraso de entre tres e seis meses, e ordenou unha avaliación médica para determinar o estado de saúde do acusado.

O xuízo debía comezar na tarde deste luns, pero o letrado de Depardieu, Jérémie Assous, anunciou durante a mañá que o intérprete non acudiría debido a problemas médicos e solicitou o aprazamento.

"Gérard Depardieu está moi afectado (pola enfermidade) e desgraciadamente o seu avogado prohibiulle presentarse á audiencia", dixo Assous nunhas declaracións á radio pública FranceInfor.

"Por esa razón, vai solicitar un aprazamento a unha data posterior, a fin de poder asistir, porque Gérard Depardieu quere expresarse", engadiu.

O letrado insistiu en que para Depardieu "é moi importante" prestar declaración, xa que "desde hai varios anos" é obxecto dun certo número de acusacións que son sistematicamente recollidas de boa fe pola prensa.

Assous non detallou que enfermidade padece o actor pero deu a entender que non está ben desde hai varios días.

Precisou que, cando o venres pasado avanzou que o acusado tiña "a intención" de presentarse ao proceso, era porque esperaban que o médico lle confirmase que podía acudir. Desgraciadamente o seu estado de saúde non llo permite.

O xuízo, cuxo inicio está previsto ás 13:30 hora local (12:30 GMT), refírese ás denuncias de dúas traballadoras da rodaxe da película Les Volets Verts, unha decoradora e unha axudante de dirección, que demandaron a Depardieu por tocamentos e comentarios obscenos.

O avogado de Depardieu asegurou reiteradamente que as acusacións son "falsas" e buscan simplemente conseguir diñeiro.

A Fiscalía de París solicitou en agosto pasado que Depardieu fose xulgado por outro caso, as violacións e outras agresións sexuais contra a actriz Charlotte Arnould, aínda que polo de agora non hai unha decisión do tribunal de instrución.

O actor foi acusado en público ou ante a xustiza por unha vintena de mulleres, que denuncian diversos feitos de índole sexual, desde frases aldraxantes de carácter sexista ata a violación, e a xustiza estuda seis deses casos, mentres que algúns foron arquivados por prescrición dos supostos feitos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade