Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia anuncia manobras navais con armamento hipersónico preto das costas de Siria

Rusia anuncia manobras navais con armamento hipersónico preto das costas de Siria

A Armada rusa incrementou a súa presenza no Mediterráneo Oriental, onde participan nos exercizos uns mil soldados e unha decena de buques de guerra equipados con mísiles Tsirkón, que teñen 1.000 quilómetros de alcance

G24.gal 03/12/2024 16:26

O Ministerio de Defensa de Rusia anunciou este martes manobras navais de gran magnitude no Mediterráneo Oriental, preto das costas de Siria, co emprego de armamento hipersónico de nova xeración.

"Os grupos integrados por diversas forzas antisubmarinas e de asalto realizan disparos con mísiles, artillería e torpedos, así como bombardeos prácticos", sinalou o departamento de Defensa en Telegram.

Por ese motivo, a Armada rusa incrementou a súa presenza no Mediterráneo Oriental, onde participan nos exercicios uns mil soldados e unha decena de buques de guerra, equipados con mísiles Tsirkón, que teñen 1.000 quilómetros de alcance.

Ademais, sumáronse 24 avións -entre eles cazas MiG-31-, que portan mísiles Kinzhal, e tamén os sistemas de mísiles costeiros Bastión.

As fragatas Almirante Flota da URSS Gorshkov e Almirante Golovko fixeron prácticas de tiro con mísiles Tsirkón; mentres o submarino Novorossiisk lanzou mísiles de cruceiro Kalibr, que se empregan con asiduidade en Ucraína.

Os exercicios, que comezaron o domingo, segundo a nota, son dirixidos polo comandante en xefe da frota rusa, Alexandr Moiséev.

Defensa subliña que os exercicios se realizan en estrita consonancia coas normas do dereito internacional e de acordo con outros países para previr incidentes en augas internacionais.

O continxente ruso en Siria admitiu o domingo bombardear en coordinación co Exército sirio as posicións inimigas nas provincias de Idlib, Hama e Alepo, a segunda cidade siria que foi tomada polos rebeldes.

Tanto medios oficiais como o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, ONG cuxa sede se atopa no Reino Unido, informan desde hai días dos ataques da aviación rusa.

O presidente ruso, Vladímir Putin, e o iraniano, Masud Pezeshkian, expresaron o luns durante unha conversación telefónica o seu apoio "incondicional" ao réxime de Bachar al Assad ante a ofensiva dos grupos islamitas.

"Expresouse o apoio incondicional ás accións legais das autoridades de Siria para restablecer a orde constitucional e a integridade territorial do país", informou o Kremlin nun comunicado.

Putin e Pezeshkian abordaron "a agresión a grande escala de grupos terroristas e formacións armadas", que interpretaron como un intento de "socavar a soberanía e a estabilidade política, social e económica do Estado sirio".

O xefe do Kremlin ordenou en setembro de 2015 unha operación militar que impediu o derrocamento de Asade, aínda que agora as Forzas Armadas rusas están enfrascadas na campaña de guerra en Ucraína.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade