Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ascenden a 258 os detidos en Xeorxia polas protestas en contra do Goberno prorruso

Ascenden a 258 os detidos en Xeorxia polas protestas en contra do Goberno prorruso

Déronse 34 detencións máis durante a quinta xornada de protesta

Os manifestantes protestan contra a decisión do Goberno xeorxiano de conxelar ata 2028 a adhesión á Unión Europea

Protesta na cidade de Tiflis, capital de Xeorxia/EP Protesta na cidade de Tiflis, capital de Xeorxia/EP
G24.gal 03/12/2024 10:33

A policía xeorxiana deteu 34 manifestantes durante a quinta xornada de protestas antigobernamentais contra a decisión de conxelar ata 2028 as negociacións de adhesión á Unión Europea. Segundo informou o Ministerio de Interior do país detivéronse 258 persoas desde o comezo das protestas.

Este luns, a céntrica avenida Rustaveli de Tiflis, capital do país, foi de novo o escenario de violentos enfrontamentos entre os opositores e os efectivos antidisturbios.

As protestas estendéronse a outras cidades como Batumi, Gori, Poti e Kutaísi, onde foron atacadas as sedes do partido gobernante, Soño Xeorxiano. Segundo Interior, doce policías quedaron feridos durante as manifestacións, ascendendo a 125 o número de efectivos afectados. 

Un dos líderes do partido opositor Movemento Nacional Unido, Leván Jabeishvili, afirmou que as protestas "crebaron" o réxime de Soño Xeorxiano e chamou desde as redes sociais a emprender "unha segunda fase, máis activa".

Pola súa banda, a presidenta xeorxiana, Salomé Zurabishvili, asegurou na rede social X que en toda a xeografía nacional é "un movemento sen parangón na historia de Xeorxia, e a mensaxe é clara: devolvan o noso voto e o noso futuro europeo".

Ademais, o embaixador xeorxiano na República Checa seguiu os pasos dos seus homólogos nos EUA, Países Baixos e Bulgaria e abandonou o seu cargo en sinal de repulsa cara á decisión tomada polo executivo.

Pola súa parte, o primeiro ministro de Xeorxia, Irakli Kobajidze, descartou a posibilidade de negociacións coa oposición, pero mostrouse disposto a conversar con representantes da sociedade civil, á que reiterará a disposición de Tiflis de ingresar na Unión Europa en base a un acordo asinado en 2014. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade