Unha marea humana esixe en Valencia a dimisión de Mazón pola xestión da DINA
Unha marea humana esixe en Valencia a dimisión de Mazón pola xestión da DINA
É a segunda manifestación desde o 29 de outubro, un mes despois dos estragos das inundacións
Os lemas máis repetidos entre os participantes na protesta: "Mazón dimisión" e "Mazón a prisión"
Decenas de miles de persoas volveron saír este sábado ás rúas de Valencia para denunciar que, un mes despois da DINA, os afectados seguen sen ter cubertas as súas necesidades básicas, e pedir a dimisión do presidente da Generalitat, Carlos Mazón.
Un mes despois das inundacións que causaron, de momento, 222 vítimas mortais, catro persoas desaparecidas e miles de damnificados na provincia, os manifestantes expresaron de novo a súa rabia e indignación pola actuación das autoridades.
“Nin esquecemento nin perdón”, denuncian tras un reconto de polo menos 222 falecidos, catro desaparecidos e máis de 80 municipios valencianos arrasados pola auga e o lodo. Aseguran que MAzón "está incapacitado moral e éticamente" para dirixir o goberno da Comunidade Valenciana.
A protesta, da que aínda non se deron cifras oficiais, está convocada polas mesmas entidades sociais, organizacións cívicas e sindicatos que organizaron a do 9 de novembro para esixir tamén a dimisión de Mazón e que reuniu 130.000 persoas.
A cabeceira da manifestación, convocada por 58 entidades e apoiada por outras 158, saíu da praza do Concello pasadas as seis da tarde e chegou unha hora despois á praza da Virxe, ao non poder facelo fronte ao Palau da Generalitat debido a tres informes negativos que o desaconsellaban, dous por cuestións de seguridade.