Marga Prohens conta nun vídeo que padece esclerose múltiple: "Vivo a vida con paixón"
Marga Prohens conta nun vídeo que padece esclerose múltiple: "Vivo a vida con paixón"
Prohens, de 42 anos, relata nunha curtametraxe titulada Hoxe non é sempre, na que intervén xunto a outras persoas con esclerose, que soubo que padecía esa doenza crónica durante a súa etapa de estudante universitaria en Barcelona, "empezando a vida"
A presidenta das Baleares, Marga Prohens, participa nun vídeo en que relata que padece esclerose múltiple, unha enfermidade da que está diagnosticada desde os 19 anos, que marcou a súa "forma de entender a vida". "Vivo a vida con paixón", explica.
Prohens, de 42 anos, relata nunha curtametraxe titulada Hoxe non é sempre, na que intervén xunto a outras persoas con esclerose, que soubo que padecía esa doenza crónica durante a súa etapa de estudante universitaria en Barcelona, "empezando a vida".
A líder do PP balear e xefa do executivo autonómico compartiu en redes sociais o fragmento do vídeo no que explica a súa vivencia, cun texto no que subliña que non quere ser "referente de nada" e enxalza o trato que recibiu por parte dos profesionais sanitarios e a sorte de que a enfermidade non lle impide manter unha vida plena. "Eu estou ben", remarca.
Esta es mi historia. Jamás lo había contado antes por pudor, porqué no soy referente de nada, pero no puedo estar más que agradecida y orgullosa de nuestra sanidad, de las mejoras en los tratamientos de la esclerosis múltiple y a redes como las de hoy en el Teatro Pereira y el… pic.twitter.com/ApRoTVxKJc
— Marga Prohens (@MargaProhens) December 3, 2024
Na entrevista, durante a que non pode evitar as bágoas, expón como preguntou ao médico: "E isto como se cura", ante o que recibiu a resposta: "Isto non se cura". Iso obrigouna a afacerse á idea de que a esclerose múltiple a vai acompañar sempre. "A palabra crónica aos 19 anos é moi dura (...) Negas, o teu corpo responde á negación, e pasas da pena aos medos", relata Prohens no vídeo.
Destaca a rabia que lle deu que un enfermo lle dixese que algún día agradecería á vida a súa enfermidade e sostén que agora si que agradece que a súa doenza a reforzase para vivir "con paixón" a súa carreira política, as súas relacións persoais e a súa dedicación e entrega á responsabilidade de estar á fronte do Govern balear.
"Defíneme", admite antes de enxalzar a sanidade pública marabillosa e insistir en que, por pudor, non quere erixirse en exemplo. Prohens, que sempre evitara deterse en comentar unha enfermidade que se sabía que padecía, fixo público o seu testemuño en Eivisa, no acto Mil maneiras de loitar: un encontro inspirador.