Publicador de contidos
Publicador de contidos

Juana Rivas pide protección para o seu fillo menor tras os cargos por malos tratos contra o pai

Juana Rivas pide protección para o seu fillo menor tras os cargos por malos tratos contra o pai

O escrito de procesamento da Fiscalía italiana acusa a Francesco Arcuri de someter ambos os fillos "habitualmente a violencia física, vexacións, insultos e ameazas"

O equipo xurídico de Rivas manifesta a súa "máxima preocupación ante o feito de que un menor se vexa obrigado a seguir vivindo co seu pai" perante a existencia deste proceso

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 04/12/2024 08:13

O equipo xurídico de Juana Rivas solicitou medidas que garantan a protección do seu fillo menor, que vive en Italia co seu pai Francesco Arcuri, despois de que a Fiscalía de Cagliari presentase escrito de procesamento contra el por presuntos malos tratos aos seus fillos, o maior dos cales vive coa nai.

En concreto, no escrito de procesamento da Fiscalía italiana, datado o pasado 14 de novembro, acúsano de someter a ambos os dous "habitualmente a violencia física, vexacións, insultos e ameazas", informa nun comunicado o despacho de avogados de Carlos Aránguez.

Ante esta circunstancia, e dado que o fillo menor de ambos reside con Arcuri, o equipo xurídico de Rivas manifesta a súa "máxima preocupación ante o feito de que un menor se vexa obrigado a seguir vivindo co seu pai tras a existencia dun proceso penal aberto por maltratalo e, en cuxa instrución, se concluíu que hai probas máis que suficientes" para imputalo e proceder á apertura de xuízo penal contra el.

Por iso, emprazan ás autoridades competentes a que, "de maneira inmediata", se adopten as medidas que permitan garantir a efectiva protección do menor.

Os letrados lembran que o pasado mes de marzo o Tribunal Supremo italiano, tras acoller en todos os seus termos o recurso de casación de Rivas, anulou a sentenza da Corte de Apelación de Cagliari pola que se separou os dous fillos da exparella formada por Arcuri e Rivas e ordenou repetir o xuízo civil.

Desde aquela sentenza, o fillo menor vive co seu pai en Italia, mentres que o maior, que xa ten 18 anos, permanece de maneira definitiva coa nai en España.

Pero, "sendo isto así, con todo, a día de hoxe segue sen executarse a sentenza" e sen adoptarse medida cautelar ningunha para a protección do menor, que continua estando obrigado a vivir en Carloforte co seu pai.

O fillo maior de Rivas pide axuda para o seu irmán

O despacho de avogados fixo público ademais un vídeo do fillo maior de Juana Rivas en que este pide axuda, que tamén solicitou á Fiscalía Xeral de Cagliari a través dun escrito en que expresa: "Coñezo a meu pai e sei que non é capaz de controlar a súa impulsividade e a súa ira. O meu irmán está en gran perigo".

No vídeo feito público este martes polos avogados, incide nesa idea e explica que en 2017 o arrincaron da súa casa, que é, di, a súa nai, cando tiña 11 anos e seu irmán tres.

O seu irmán, agrega, "actualmente segue vivindo nese inferno" que el viviu, asegura, ata os 16: "El vive cun maltratador ao seu lado, ten medo de expresar esas cousas porque sabe que o seu pai pode decatarse e ameazalo. El séntese en risco de morte. Eu sentinme así e o meu reflexo véxoo nel".

Juana Rivas foi condenada a cinco anos de prisión por dous delitos de subtracción de menores, aínda que o Tribunal Supremo de España estimou parcialmente o recurso desta veciña de Maracena (Granada) e rebaixoulle a pena á metade ao considerar que, aínda que foron dous os menores subtraídos, cometeu un único delito.

Os feitos tiveron lugar no verán de 2017, cando Rivas estivo un mes en paradoiro descoñecido cos seus fillos para non entregalos ao pai co argumento de protexelos de Arcuri, quen en 2009 foi condenado por lesionala e ao que ela volveu denunciar por malos tratos en 2016.

En xullo de 2022, o Supremo concedeu un indulto parcial a Rivas, que conmutou a súa condena firme por 180 días de traballos en beneficio da comunidade e a obrigación de realizar un curso de parentalidade positiva, medida de graza que non eliminaba os seus antecedentes na xustiza italiana. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade