Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez anuncia a creación dunha empresa pública para construír vivenda

Sánchez anuncia a creación dunha empresa pública para construír vivenda

Pedro Sánchez fixo este anuncio na clausura do 41 Congreso Federal do PSOE, en Sevilla

O presidente do Goberno tamén dixo que impulsarán a redución de xornada nesta lexislatura

Pedro Sánchez na clausura do Congreso do PSOE en Sevilla, este domingo Pedro Sánchez na clausura do Congreso do PSOE en Sevilla, este domingo
G24.gal 01/12/2024 13:59 Última actualización 01/12/2024 15:29

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, anunciou este domingo que o executivo creará unha grande empresa pública para a construción e xestión de vivenda desde a Administración Xeral do Estado.

Sánchez fixo este anuncio na clausura do 41 Congreso Federal do PSOE celebrado en Sevilla durante a fin de semana e no que renovou a dirección do partido.

No peche do congreso e perante os 7.000 asistentes lamentou os ataques sucesivos ao partido e ao executivo e engadiu que responderá actuando no Boletín Oficial do Estado cunha nova política progresista.

No seu discurso especificou que se sofren ataques coa lei de vivenda responderán con medidas como a que anunciou en Sevilla: a creación dunha grande empresa pública de vivenda.

Engadiu tamén Pedro Sánchez que se atacan o feminismo responderán coa renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que se critican a reforma laboral, impulsarán a redución de xornada nesta lexislatura.

Sánchez, aclamado de novo  neste Congreso como secretario xeral do PSOE e sen rival interno, deu as grazas á militancia por "dar sempre a cara", nos bos momentos e tamén nos malos, cando hai que defender a verdade ante "tanta mentira" e a democracia "ante as condutas autoritarias" que se están vendo na política española.

Para rematar, Pedro Sánchez asegurou que a militancia é o corazón do proxecto socialista e garante a autonomía de partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade