Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nadia Calviño anuncia 400 millóns de euros máis do banco europeo para as pemes afectadas pola DINA

Nadia Calviño anuncia 400 millóns de euros máis do banco europeo para as pemes afectadas pola DINA

A presidenta do Banco Europeo de Investimentos defende na TVG que "cada euro investido en resiliencia climática aforra entre cinco e sete euros en reparacións"

A exministra pon como exemplo de transición verde o investimento do BEI na mellora enerxética do CHUAC

A presidenta do BEI, Nadia Calviño, foi entrevistada en directo desde A Coruña no programa "Bos días" da Televisión de Galicia (TVG).
G24.gal 28/11/2024 10:31 Última actualización 28/11/2024 11:30

A presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Nadia Calviño, avanzou que a entidade canalizará en "próximas semanas" 400 millóns adicionais para as pemes afectadas pola DINA, que se suman aos 900 millóns anunciados polas riadas.

No XXIII Congreso de Directivos CEDE, que se celebra na Coruña este xoves, Calviño explicou que o BEI se mobilizou "rapidamente" ante a traxedia da DINA, polo que tras os 900 millóns anunciados a comezos deste mes, agora haberá uns 400 millóns adicionais a través de entidades financeiras "para apoiar a pemes e empresas de mediana capitalización afectadas polas inundacións".

A presidenta do BEI subliñou o "obxectivo colectivo" de reconstrución de infraestruturas e adaptación ao cambio climático. "Trátase de construír e reconstruír mellor", afirmou nunha entrevista en directo no programa Bos días da Televisión de Galicia.

A presidenta do Banco Europeo de Investimentos, Nadia Calviño, na súa intervención durante a XXIII reunión do congreso da Confederación Española de Directivos e Executivos, que se celebra este xoves no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (EFE / Cabalar).

Neste sentido, Calviño defendeu que "cada euro investido en resiliencia climática aforra entre cinco e sete euros en compensación de danos e reparacións".

Asemade, a presidenta do banco público da Unión Europea remarcou a conciencia climática dos españois. "España é o país en os cidadáns son máis conscientes, fixemos recentemente unha enquisa que demostra que o 95 % dos españois consideran que a acción climática ten que ser unha prioridade política".

A exministra de Economía do Goberno de España apuntou tamén que o 60 % das empresas europeas iniciaron xa a súa transición verde, con investimentos para buscar fontes de enerxía "máis eficientes, limpas e máis baratas e están cambiando os seus modos de produción para impulsar a eficiencia enerxética". Calviño puxo de exemplo o proxecto para reforzar a eficiencia enerxética do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), en cuxo financiamento participa o BEI.

Calviño referiuse á entidade que preside desde xaneiro de 2024 como o "banco do investimento do clima", dado que dedica máis dos 50 % dos seus investimentos á acción climática.

"Neste momento estamos financiando grandes infraestruturas, como as  interconexións eléctricas entre España, Francia e Portugal, a despregadura das renovables para consolidar España e Galicia como o país das renovables, apoiando a eficiencia enerxética das pequenas e medianas empresas ou un acordo que vimos de pechar para o desenvolvemento de metanol verde", detallou. 

Pero a revolución actual non está marcada só "pola reforma enerxética e industrial como resposta ao cambio climático", senón que, na súa opinión, tamén hai que ter en conta "a explosión da intelixencia artificial".

A nova fase, continuou Calviño, céntrase "nunha transición climática liderada polas novas tecnoloxías" e "é fundamental que Europa lidere esas tecnoloxías limpas". "Estamos financiando cambios que poidan facer que a economía europea poida seguir sendo próspera no futuro e que poidamos seguir liderando as novas tecnoloxías", afirmou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade